Ano novo, vida nova!!! E parece que desta volta foi certo… A revista Irimia cambia de xefe da tribo… Ata sempre, Rubén; benvida Rosa. Dános moita mágoa o cambio, non por quen vén, senón por quen se vai. Así e todo, descansar é un dereito! Moitos parabéns, Rubén, polo teu encomiable traballo ao longo destes tantos anos!!!

Nós, que atrevidas, aquí fichamos unha tempada máis! Chegaremos ás vosas mans xa no ano novo, pero cando estamos a escribir estas letras aínda é ano vello, así que non nos queixaremos del e farémoslle caso ao refraneiro naquilo de que “Non digas mal do ano ata que sexa pasado”…, que, en fin, imos confiar no ano novo, que xa se sabe aquilo de que “Cando o ano é de piollos, non vale mudar camisa”… Benvido, 2024!!! Confiamos en ti!!! E como o despedistes? Fostes celebrar a Virxe da O? Contan as nosas avoas e mais os nosos avós que o 31 de decembro marchaban a andar polos camiños para a O de Castro de Orto (nunha aldea de Campo Lameiro), que levaban os zocos postos e que ao chegaren alá, cambiábanos polos zapatos que levaban gardados nun saco. Bailaban toda a noite e viñan de volta a cantar polos camiños sobre da mañá. Uns viñan por uns camiños e outros por outros e cantaban e aturuxaban uns á retesía dos outros! “Onde van aqueles tempos…” , din para rematar o seu relato… A nós préstanos escoitar… Pola vosa terra sodes máis de san Silvestre? Tamén con esta festa pasa outro tanto, que xa o di o refrán… “O que a san Silvestre vai e alá dorme, nun ano vai e no outro volve”.

E ben, nós teremos que empezar a facer un repasiño pola gramática e a sintaxe da nosa lingua, que hai ben que non o facemos así directamente, e mais a dar algo de guerra co uso da lingua. Recordade que facer uso da lingua nos medios públicos, na Administración…, non é suficiente! Hai que facer uso dela e tamén facer un BO uso, preocuparse por falar e escribir correctamente! Estoutro día revolvíasenos o corpo cando na TVG escoitamos un anuncio publicitario para animarnos a mercar mobles. Ata aí confiabamos no que nos dicían. Remataron a súa presentación con “…, ofrecéndoTE sempre o que necesitas!”. Que amables!!! Ai, miña nai!!! Se teñen dúbidas, se empregan unha lingua que non dominan, que saben que non a teñen de seu, que pregunten, que pidan que alguén especialista lles revise o que van dicir, igual que farán coa imaxe, o son , a selección de contidos…, que poden cometer erros, que pode haber detalles que corrixir, que iso é humano!!! Parece que vale de calquera maneira… Pois NON!!! Só vale BEN!!! Non teredes dúbidas de que deberían ter dito “…, ofrecémosCHE sempre o que necesitas”.

Pero non pensedes, hai máis anuncios con erros deste tipo! Habemos de estar ben atentas e compartir! Prestade atención vós tamén e enviádenos o que detectedes!!! Esperamos as vosas achegas!!!