María Dolores, algo para comezar: de quen vés sendo?
Pois son filla de emigrantes. Nacín hai 48 anos en Berna (Suiza), pero vivo aquí en Paredes (Campolameiro) dende os 8 meses de idade. Fun educada por meus avós paternos, que máis que avós foron meus segundos pais. A eles débolles todo que son. Inculcáronme tódolos valores que hoxe eu intento transmitir ó meu fillo; mostráronme e fixéronme partícipe daquelas tradicións e saberes propios das aldeas galegas, que hoxe eu intento pór en práctica, sempre que podo, cos meus nenos/as da Escola Infantil Pequerrulos. Educáronme no respeto ós demais e fomentaron en min o valor e o amor pola terra e pola miña aldea. Algo do que me sinto moi orgullosa.

Pero retornaches dúas veces…
Si, casei hai 16 anos e marchei vivir a cidade, pero Paredes chamaba por min. Sentía morriña da miña xentiña, aquela que me veu medrar e formou parte da miña nenez e mocidade. Así é que ó cabo dun ano volvín, fixéronme comuneira, e aquí estou dende aquela.

Asumimos a tarefa de coidar non só o territorio senón tamén as xentes que o habitamos

En 2014 a daquela Comunidade de Montes fixo unha festa para celebrar a inauguración da capela de Santa Margarida, e o presidente convidoume a dar o pregón. Sen sabelo, aquelo sería o punto de partida desta miña nova dedicación. En xaneiro do ano seguinte convertíame na tesoureira da Comunidade de Montes en Man Común de Paredes, cargo que ostento dende aquela.

Non son ninguén especial. Son unha máis das cinco persoas que forman a directiva desta Comunidade de Montes xunto con Álvaro ó frente como Presidente, Elsa como Secretaria, Fernando e Fino como Vogais. E por suposto e sobre todo, son unha veciña máis no medio de todos, orgullosa de vivir en Paredes e formar parte desta familia.

reunión

Pois logo fálanos de que está pasando en Paredes
Paredes é unha aldea de pouco máis de 50 habitantes, que gustan de participar en actividades conxuntas, xente aberta a novas iniciativas. Somos un grupo preocupado pola situación medioambiental e social e defensores do noso monte e da xente que o habita. Unha pequena gran familia que compartimos vivencias, experiencias, inquietudes, desexos, e sobre todo unas ganas tolas de seguir prosperando e avanzando.

Como calquera outra Comunidade de Montes, temos diferentes maneiras de pensar e sentir, pero acabamos uníndonos, non só para sacar o mellor partido do noso monte (respectándoo sempre), senón tamén para sentarnos arredor dunha mesa, compartindo unha boas viandas e unas moito mellores experiencias.

A nosa andaina da comenzo fai 8 anos aproximadamente. E digo “nosa”, porque isto non é cousa dunha soa persoa senón de varias que se entenden ben e reman nun mesmo sentido.

Nós tomamos as rendas dun monte ben coidado, ordenado e produtivo, froito do bo traballo dos nosos antecesores. Comenzamos a informarnos e a buscar novas alternativas coa idea de facer do monte un espazo sostible e multifuncional, que puidese ser fonte de riqueza e ao mesmo tempo cumprir coas funcións medioambientais e sociais que lle son propias. Entendemos que o monte e a paisaxe están ligadas á comunidade humana que a sustenta, polo que asumimos a tarefa de coidar non só o territorio senón tamén as xentes que o habitamos. Na actualidade facemos ás veces de comunidade de augas, de veciños, cultural…

Fálanos dalgunha actividade ou iniciativa concreta.
Organizamos catro xuntanzas lúdicas ó ano ás que asisten a práctica totalidade da veciñanza e que nos serven para manter viva a comunidade, tecer lazos e complicidades, e das que estamos sumamente orgullosos. No mes de outubro temos a comida para tódolos comuneiros festexando a celebración da Santa Margarida, a cal vimos celebrando dende o ano 2014.

Estamos xestionando a repoboación de 8 ha con castiñeiro de variedades autóctonas

Levamos a cabo un proxecto de resinado do monte a cargo dunha empresa (primeira idea innovadora presentada e apoiada pola comunidade de veciños). Temos colmeas no monte das que facemos mel que repartimos entre os comuneiros e do que vendemos os excedentes. Facemos e rapartimos leña, coidamos da limpeza dos camiños, financiamos o enganche ó saneamento para tódolos veciños, acadamos dous certificados de xestión forestal sostíbel ( PEFC e FSC), e agora mesmo estamos xestionando a repoboación de 8 ha con castiñeiro de variedades autóctonas (longal, de parede e negral), que agardamos nuns anos estean dando traballo e ingresos para a comunidade; ademais de crear unha bonita zona para pasear e gozar dun bosque autóctono.

Bote de mel

Desde logo que lle estades dando un sentido novo ao común…
Sentimos verdadeiro orgullo de vivir aquí, e todo aquelo que facemos é sempre pensando no mellor para os veciños e para o monte. Podemos cometer erros, equivocarnos na toma de decisións (ninguén é perfecto) pero tamén se poden alcanzar grandes logros.

Temos en mente proxectos ambiciosos como a creación dunha planta fotovoltaica de autoconsumo

Caracterizámonos por innovar, por sacarlle outro partido o monte que non sexa só o da venta da madeira. Pero o que realmente nos identifica é a parte humana. Con isto é co que realmente nos quedamos. Gustamos de xuntar, sempre que se preste, ó maior número de veciños arredor dunha mesa, e poder desfrutar todos xuntos (nenos, mozos, adultos e maiores). Esto é a verdadeira riqueza que temos nesta aldea.

Na actualidade somos 19 comuneiros. E quen sabe? Dentro duns anos igual o número ascende e somos responsables do crecemento poboacional.

Que che dá, como persoa, facer todo isto?
Uffff!!!!. Alegría, satisfacción e un pracer inmenso. Unha sensación enriquecedora de ver que despois de adicar parte do meu tempo libre á comunidade, os resultados son positivos e se logran grandes cousas.

Sinto que imos moi ben nesta liña e que todo este traballo dará bos froitos. De feito xa temos en mente proxectos ambiciosos como a creación dunha planta fotovoltaica de autoconsumo que, nestes tempos de colapso, nos abasteza de enerxía. Tamén temos na idea a creación de postos de traballo que axuden a fixar poboación.

Como se soe dicir, “a cabeciña non para”, pero entendemos que os tempos do monte son lentos e requiren de moita paciencia e planificación. Todo se andará

Cartel festa veciñanza

Pensas que isto se pode “exportar” a outras comunidades? Cal sería a clave? Que consellos lles darías?
Entendemos que sí se podería exportar a outras comunidades, tendo en conta sempre a diversidade que hai. Existen xa moitas comunidades facendo cousas interesantes das que se poden coller ideas e logo adaptalas ó territorio e a situación de cada unha. Hai un saber enorme en mans das directivas das comunidades e, en todas coas que puidemos falar, atopamos unha xenerosidade infinita á hora de compartir experiencias e coñecementos.

Nós comenzamos así. Se algo nos chamaba a atención non quedabamos coa dúbida, preguntabamos directamente á comunidade de montes que xa o puxera en práctica ou asistiamos a charlas organizadas por elas.

Todo se pode!!!