Ter un fogar axeitado, alcanzable, digno, é a base para que calquera persoa poida desenvolver a súa vida. Cando buscar unha vivenda é un camiño dificultoso e para moitos inaccesible, organizacións como “Provivienda” son necesarias para axudar a gozar dese dereito básico. Conversamos con Ana Pardo, traballadora social que forma parte do equipo de traballo desa entidade dende 2017.

Alba (no centro) con parte das compas de organización
Alba (no centro) con parte das compas de organización

Tedes que estar satisfeitas coa resposta á convocatoria. Que impresión tedes?
Aínda temos pendente a xuntanza de valoración “oficial” do encontro, pero no transcorrer destas semanas estamos de corazón cheo e cunha retroalimentación moi linda, moi construtiva e de moito agradecemento, tanto da xente e dos colectivos vidos doutros lugares como da nosa veciñanza.

Tamén estamos pendentes de acoller as críticas construtivas que nos chegaron e poñelas en valor, cuestionarnos algunhas partes do propio formato do encontro: o ruído, as dimensións, a mobilidade, no tempo que aniñan os paxaros. Imos ter en conta todo o que nos foi chegando para propostas futuras.

a intrahistoria disto ten a beleza toda dun traballo novo: vontade e motivación a eito pola defensa da terra

Por certo, a organización tivo que ser un traballo enorme, pero todo correu moi ben. Nervios e moito choiar voluntario. Cóntanos algo da intrahistoria
Somos cinco colectivos locais que traballan de xeito autónomo. Non todos tiñamos traballado xuntos anteriormente, así que a intrahistoria organizativa do Burla Verde ten toda a beleza (aprendizaxe, debate, negociacións…) dunha equipa de traballo nova con moita vontade e unha motivación común: a defensa da terra. Alén diso, contabamos coa xente de Sabucedo, da asociación Rapa das Bestas, que ten unha experiencia de traballo comunitario e loxístico de anos e que facilitou moitísimo as partes máis materiais. Iso sumado á implicación de xente do centro social A Pedreira e a Asociación A Rente do Chan-PLADEVER, de Ponte Caldelas, tamén desde o inicio; e despois, no propio día, o traballo voluntario de moitos colectivos e asociacións do país fixo que fose todo ben. A climatoloxía foi algo que nos trouxo de cabeza, mais, ao final, os poderes telúricos do monte e a previsión dun plan b no caso de choiva, fixeron que todo correse ben e que se puidesen celebrar as actividades ao aire libre nos lugares que tiñamos previsto. Imaxina…: a media hora antes do curro-cabaret co tempo nubrado…: tiñamos que decidir manter ou non a actividade alí, e confiamos. E non choveu nada, quedou unha noitaza!

Programa do encontro
Programa do encontro

Fostes ben orixinais, mesmo coa “apertura” do día cunha “misa Romaxe”. Supoñemos que foi sorpresa para máis de un. Como nace esa idea e como valorastes o resultado?
Foi sorpresa para máis de un e tamén criticado por partes críticas coa Igrexa e os seus mecanismos, mesmo desde o comité organizador. Supoño que a palabra “misa” trae ao imaxinario dalgunha xente (con razón) a memoria da represión e as aldraxes cometidas pola Igrexa, a súa complicidade co franquismo e as dereitas etc., e a defensa inherente dun estado laico, de celebracións e actividades laicas, que compartimos. Acollemos esta crítica con agarimo e reflexión e anotamos para outra vez que igual nos faltou explicar ou contar quen era Irimia, que é unha misa de romaxe, porque moita xente non tiña nin idea, así que celebramos a quen non se deixou levar polos prexuízos e participou. E en calquera caso, por que a propuxemos? Pois, por un lado, pola experiencia dalgunhas de nós de ter vivido as misas de romaxe organizadas por Irimia e, en base a iso, pola fonda convicción de que precisamos celebracións comunitarias que coiden e conserven a nosa espiritualidade como pobo galego, na que se defenden e transmiten valores ligados ás xentes da terra que teñen moito que ver coa comuñón coa natureza, co respecto cara a ela, co respecto a todas as criaturas e co amor ao pobo, á cultura e á terra. E, por outro lado, porque outras de nós tamén temos memoria de misa como lugar de encontro comunitario, alén de ser crentes ou non, e entendiamos que era un xeito de ritualizar o encontro.

cómpren celebracións comunitarias que coiden a nosa espiritualidade, a comuñón coa natureza, o amor ao pobo, á cultura e á terra

Nese sentido, a Asociación Irimia e as misas de romaxe permiten esa implicación activa na celebración do noso, desde a elaboración do texto á reinterpretación dos símbolos. E no simbólico estamos moi satisfeitas do altar que construímos, ao que contribuíron con ofrendas moitos colectivos participantes do país: había unha fouce do Sindicato Labrego Galego, xestas da Alarma de Terra de Montes, unha fermosa de A Rente do Chan. Así que a valoración xeral é positiva porque non deixou ninguén indiferente, conmoveu e quedou reflectido no rito por que nos estabamos xuntando alí.

É difícil opoñerse ás renovables desde a opción ecoloxista. Como lle explicarías brevemente a alguén que está confundido por todo o que pasa e que le nos medios que o que se pretende facer debería facerse doutra maneira?
O difícil é a perversión da linguaxe e a confusión que xera. Desde a opción ecoloxista e popular, opoñerse ás renovables é un dereito e un deber, con todo o que iso implica, porque non son renovables, nin limpas, nin sostibles, porque non se pensan para a conservación dos recursos naturais e si para manter un modelo de consumo, de emprego, de mobilidade e de habitabilidade dos territorios que non é sostible.

E que implica na parte dos deberes? Pois implica informarse, traballar e reflexionar individual e colectivamente: que queremos? No caso das macroeólicas, mais tamén no caso das mineiras e demais proxectos extractivos e industriais.

Hai que facerse grandes preguntas e politicamente atreverse a poñer enriba da mesa cuestións incómodas e decisións difíciles porque opoñerse á extinción implica cambios de modelo mentais, de produción e de consumo ás que debemos preguntarnos como sociedade se estamos dispostas.

Un momento da misa de romaxe no curro
Un momento da misa de romaxe no curro

Algunhas sobre as que temos reflexionado: que industria sostén toda esa enerxía que se pretende xerar? Debemos soster industrias como Alcoa ou Ence? Como se lle dá saída aos conflitos laborais e se respectan as necesidades de cambios políticos e vitais para camiñar cara a un mundo sostible e conservador dos recursos naturais? De onde vén a necesidade da transición enerxética? Quen a promove, que organismos, que multinacionais?

Temos referencias galegas para o cambio de modelo? Como se practican?

mergullarse no terreo do incómodo: botarse ao monte, andar o territorio, anovar os camiños, relacionarse e usar as leis

O encontro daba a impresión de ter algo de “fundacional”. Que facer a partir de agora?
Fundacional non é, porque nós bebemos das referencias de loita que temos, o movemento Burla Negra nomeadamente, mais tamén todas as loitas e festas populares e políticas pequenas en cantidade de xente implicada, mais honrosas e referentes en dignidade e consciencia, as sabotaxes ás eléctricas do tempo das presas, as Encrobas, o Saviñao, o festival de Pardiñas, a SDC do Condado, a aldea de Filloi parando a parcelaria…

E no que facer a partir de agora enfío co fin da pregunta anterior. Non deixarse vencer e implicarse para os cambios. Poñer en valor as ferramentas colectivas que temos para os cambios reais que cumpran para o ben común, as comunidades de montes, a xestión comunitaria da auga, as asociacións de veciños, as comunidades enerxéticas (que non son outra cousa ca o que se vén facendo en moitas aldeas de xeito comunitario)… Botarse ao monte, coñecer o territorio, andalo, anovar os camiños, relacionarse e usar as leis. Mergullarse no terreo do incómodo para traer cambios reais que non traian máis dano e mal trato e seguir relacionándose e sabendo uns dos outros.

Espazo de debate
Espazo de debate

No concreto, seguir traballando. O Burla Verde somos todos os colectivos do país que defenden a terra, así que continuar traballando localmente, mais de xeito coordinado coas demais loitas, para mover os marcos nacionais e contribuír ao coidado xeral. Aquí non nos matan, pero noutras latitudes, si; así que cómpre espelir, mover o cu do sofá e ir para os camiños porque temos lexitimidade para defender o noso, a nosa casa, a nosa nai. As eléctricas e os lobbies mineiros e empresariais son un monstro que se pode parar, xuntas todas, que cando nos ven fortes e a unha, recúan.