O libro deste escritor negro, Colson Whitehead, recibiu merecidamente o Pulitzer. Pouco máis de duascentas páxinas cunha prosa concisa e un estilo deslumbrante que engancha. Elegante e aditivo.

E tamén unha novela conmovedora que relata a baixada ao inferno do segregacionismo, pecado orixinal pendente de redención: o racismo endémico na sociedade norteamericana.

A novela ten base real: a historia dun reformatorio que estragou a vida de centos de rapaces

O inferno da novela é a escola Nickel, reformatorio que Whitehead describe detalladamente como factoría de dor, humillacións e torturas inimaxinables. Na entrada ben podería colgar o aviso de Dante: ‘Perdede toda esperanza’.

Porque a pretensión oficial de converter a nenos negros en homes de ben agacha unha metodoloxía de brutalidade desapiadada nunha institución corrupta e degradada.

A novela de Whitehead ten base real: a historia dun reformatorio de Florida que estragou a vida de centos de rapaces. En 2014 atoparon restos de oitenta nenos negros enterrados.

Por aí empeza a novela. O descubrimento feito por uns estudantes de arqueoloxía nun cemiterio secreto onde eran botados en sacos de patacas os corpos de nenos mallados ata morrer.

No centro da historia, Elwood Curtis, un neno negro con planes grandes. Quere ser como o Dr. Luther King. Facer súa aquela voz fonda e convincente: ‘A non violencia éche a nosa consigna. Co amor venceremos’. Os discursos están nun vello vinilo, mil veces escoitado, regalo da avoa, magnífico e entrañable personaxe.

Pero os soños deste estudante, cun camiño truncado cara á universidade, pronto se transforman nun pesadelo: o reformatorio da escola Nickel. Golpes e humillacións fan cambalear a fermosa mensaxe do líder pacifista. Estamos na América dos primeiros 60, a da segregación, o supremacismo, o Klan. Restricións e normas ben atentas á cor da pel. Dous mundos tanxentes, o dos brancos e o dos negros. Tamén é a América de Luther King e Rosa Parks. O actual movemento do Black Lives Matter revela aquela, esta ferida aberta na sociedade americana: a do racismo. Abonda con que apareza un líder atrabiliario para que volvan as vellas pantasmas do odio racial e a brutalidade racial.

A lectura de ‘Os rapaces da Nickel’ (The Nickel boys) é actual e necesaria para entender o que pasou e o que está a pasar hoxe en EUA: unha historia entretecida de atrocidades, abusos e violencia gratuíta contra os negros.

Ao final, unha historia de fonda ignorancia histórica. Antes e agora hai quen fala de ‘razas’ pero dentro da familia humana hai unha soa. Os expertos falan de ata sete millóns de especies animais. Os humanos pertencemos á única especie sobrevivente, a do homo sapiens, mulleres e homes sabios. Máis dignos de admiración que de desprezo, recorda Camus. Pero onde tamén perviven os vellos demos do odio e da crueldade con rostro humano.

Editada en castelán por Pinguin Random Haouse: Los chicos de la Nickel. De Colson Whitehead.