Cando un vai ver unha peli, igual ca cando comeza un libro, un xa está condicionado polo que os entendidos chaman horizonte de expectativas. Non agardamos o mesmo dunha novela ca dun poemario. E este fachineiro foi ver As bestas sabendo que era un thriller ambientado nunha aldea da montaña galega. Despois de vela, non entendo as gabanzas e premios. É que volvemos ás andadas: os cultos e ecoloxistas son franceses, o galego bo fala castelán e os borrachóns violentos só falan galego e non teñen estudos. Un xa vai estando farto destes tópicos tan doados e infantilizantes. Nada que dicir da calidade técnica ou do excelente papel de Luís Zahera, aínda que non son membro do seu club de fans. Non obstante amólame que fagan cadrar determinados papeis con escollas lingüísticas. E ademais, esta película xa estaba feita: titúlase Malencolía e dirixiuna Alfonso Zarauza ano e medio antes ca esta. Incluso o tarado é o mesmo nas dúas: Diego Anido parece que interpreta -á perfección- o mesmo personaxe. En resumo, é coma cando nunha boa novela os ollos se che van ás faltas de ortografía por desleixo editorial.