´Co debido permiso do meu interlocutor, velaí o comezo dunha conversa que hai uns días puiden ter co noso Santo Antón.

(Santo Antón): Bo día, Manuelo.
(Eu): Non se di Manuelo, ho, dise Manolo ou Manuel.
(S.A.): Ah, perdoa, é que aquí, como se falan tantas linguas, logo non dou atinado coas palabras. E que, que contas?
(Eu): E que che hei contar que non saibas! Desde aquí sentídelo todo.
(S.A.): E ben que o sentimos. Cos sentidos do corpo e do corazón. Non parades de facer trondiadas. Guerra por aquí, guerra por alí, sempre en liortas coa palabra ou coas armas…, non tedes amaño.
(Eu): Non, non, moito non temos.
(S.A.): E aínda que sexa os da Igrexa non quedades atrás.
(Eu): E por que o dis?
(S.A.): Ui, podería dicilo por moitas cousas. Pero –dáme graza e rabia a un tempo, abofé!– chamoume moito a atención iso das bendicións que algúns lles queredes dar e outros non aos gays.
(Eu): Pero ti sabes quen son os gays?
(S.A.): E non hei saber! Aquí témolos a centos, a miles, a millóns. Mira que desde que empezou o mundo non houbo gays! Ves, a palabra mesma non a coñeciamos, diciamos doutra maneira máis agarimosa.
(Eu): E como era, cómo, dimo.
(S.A.): Non cho digo, que despois has andar por aí co conto. Bos sodes vós!
(Eu): Pero, en serio, hai ceo para os gays? Porque se hai ceo, moito máis ten que haber bendicións!
(S.A): E que che parece, ho, que che parece? Ti imaxínaste a Deus pechando portas a ninguén? Ti es gay?
(Eu): Penso que non.
(S.A.): Pois como que o foses! O que vexo aquí de Deus é que el quere que todo o mundo sexa aquilo que é, e que o sexa a fondo, con paz, con orgullo, sentíndose un anaco importante do todo Un que é o mesmo Deus.
(Eu): Ves ben, logo, que se bendiga a todo o mundo!
(S.A.): Si, quitadas esas condicións que poñedes de que non vaian de noivos, de que non pase de 10 segundos…, que requenos sodes! Que pouco sabedes de Deus!
(Eu): E, coas animalas que están facendo en Palestina, cres que …

* Imaxe: Religióndigital