“As promesas quedan no aire, non teñen un prazo determinado de tempo e afectan a un número limitado de xente”
A imprevisible actualidade fixo que teñamos que escribir esta Vaquiña polo que vale en plena campaña electoral. Uns comicios nos que o resultado é moito máis incerto que nas eleccións anteriores. O azar levounos estes días ata os consellos de Quinto Tulio Cicerón. O meu veciño de páxina, o de Amiguiños …, sempre soe dicir que os romanos son coma nós .. sen internet. Eu engadiría sen ter pasado polo Romanticismo. Hai unha visión lúcida e crúa sobre a realidade, tamén sobre a política.
Quinto recórdalle ao seu irmán, Marco, que as campañas electorais son un asunto de tan poucos meses que as aparencias poden superar os teus valores naturais. Que necesita dunha organización, non permitas que haxa ningún concello, ningunha colonia … ningún lugar de Italia, no que que non teñas apoios abondo, e , para que se entenda a mensaxe, debes utilizar unha linguaxe apropiada á súa maneira de ser (a dos electores).
Estabamos moi lonxe do sufraxio universal e o número de cidadáns era relativamente pequeno, polo que Quinto pode recomendar que o candidato os coñeza polo seu nome, que os afague … e ofreza unha boa imaxe na súa actividade pública… É verdade que a adulación é reprobable cando os afagos corrompen un home, pero cando o fan máis amigable, entón non ten por que ser censurada”.
Coma hoxe, un candidato tiña que facer promesas que sempre son preferibles a unha negativa pois as promesas quedan no aire, non teñen un prazo determinado de tempo e afectan a un número limitado de xente; polo contrario, as negativas conséguenche … moitas inimizades. Pero non se pode dicir si a todos polo que cando se nos pide algo que non podemos prometer honradamente … hai que negarse cortesmente, demostrando o pesar que supón esta negativa, e convencendo de que se porá remedio a este asunto noutra ocasión.”
Son cousas de Roma de hai 2088 anos. Se as les antes do 18F, pode que che serva para entender mellor o que estas a ver. Se xa pasou o que pasou, serva de entretemento para as próximas … que xa virán.