Teño sempre presente unha historia que escribiu o xesuíta indio Tony de Mello: o home que descubriu como prender lume. No comezo da historia, un home batendo nunhas pedras conseguiu unha chispa que prendeu nunhas follas e, arrimándolle pólas secas, conseguiu que ardesen unhas potentes lapas. Reuniu os veciños da aldea e ensinoulles o invento. Mudou a vida de todos, agora tiñan lume para cociñar, quentarse cando ía frío, alumar na noite, fundir metais… O inventor do lume decidiu compartir cunha aldea veciña tal marabilla. Reuniu a xente e amosoulle o proceso e, antes de partir, regaloulle unhas cantas pedras máxicas e unhas pólas ben secas. Logo dun ano regresou por ver como progresaran os veciños e levou unha sorpresa: construíran un altar e sobre del colocaron unha urna onde estaban as pedras de facer lume e dedicábanse a adoralas.
Non teño nada contra a adoración, sempre que nos axude a abrir o corazón aos irmáns, como toda formar de orar. Veño observando que hai unha febre de adoradores que se vai estendendo por todas partes, chámanlle adoración perpetua. En moitas igrexas, durante 24 horas e todos os días do ano hai xente adorando ante o sagrario. Xesús deixounos a súa vida como pan que se parte e reparte, para ser alimento que dea vida a quen non ten.
Leo que en España hai 8 centros de internamento de estranxeiros, que para disimular chámanlles CIE. Nestes centros foron retidas nos últimos anos máis de 8 000 persoas, por faltas administrativas como non teren papeis, traballaren sen contrato, exerceren a mendicidade. No CIE agardan a que se resolva un expediente de expulsión, para devolvelos aos seus países de orixe. As condicións do internamento vulneran os dereitos humanos. O bispo de Madrid, José Cobo, reclamou hai uns días o peche destes centros: “Non podemos meter preso a quen non cometeu delito ningún” e o Papa Francisco denunciou en Marsella unha Europa que non acolle e criminaliza as persoas inmigrantes. A illa de Lampedusa é quizais a mellor imaxe dun sagrario abandonado, milleiros de persoas amoreadas, sen as mínimas condicións para vivir. Non vexo que sexa unha preocupación urxente de pastoral nas nosas comunidades. E esqueceriamos como prender o lume?