Diante dunha situación de desigualdade evidente, a neutralidade, a imparcialidade, a liberalidade, son armas e argumentos do poderoso para perpetuar esa situación. Na convivencia desigual entre linguas pasa algo semellante.

Estariamos próximos á situación dos vascos no remate do franquismo, cunha lingua ancestral minorizada

Con ocasión do día das Letras de 1995, hai 30 anos, cando a situación sociolingüística de Galicia era distinta -aínda estaban vizosas aquelas “universidades de galego”, que eran as nosas aldeas habitadas e o empuxe militante dunha clase obreira que falaba a “lingua proletaria” que versificou Celso Emilio-, esta revista editorializaba no número 434 sobre “as trampas do liberalismo lingüístico”. Gobernaba Fraga e, dalgún xeito, anticipabamos o que veu despois del.

Dicía aquel editorial que “o galego podería morrer, nos vindeiros quinquenios, empachado de liberdade”. Que “a algúns, nunca distinguidos polo seu amor comprometido ao galego, se lles enche a boca con aquilo de que o conflito lingüístico é auga pasada, que aquí cada quen é moi libre de falar o que lle peta.”

E sinalabamos esa falsa liberdade de escolla con situacións concretas: “Que pais de Galicia poden escoller unha escola que use predominantemente o galego para os seus fillos? Que telespectador galego ten as mesmas posibilidades de escoller unha cadea en galego? Ou que lector galego as ten de ler en galego as obras mestras? E o xornal? ,….asistir a un curso de formación ocupacional?….celebrar semanalmente a súa fe en galego?….”

O liberalismo lingüístico púxose o traxe de amabilidade lingüística e o proceso foi acelerado polas normas da era Feijoo. O plurilingüismo mentirán foi un éxito: desconectou a un par de xeracións de xente nova de todo contacto co galego en gran parte do territorio urbano.

Cambiou o país. Seguramente é certo que os prexuízos máis brutos “contra o galego” desapareceron, si, pero foi na medida en que o galego tamén desaparecía como lingua habitual para vivir, conversar, tomar unha caña, aprender matemáticas, xogar ou mirar o Xabarín club.

Disque a esperanza son os voluntariosos neofalantes que saltan unha xeración atrás e aprenden dos av ós. En boa parte do territorio estariamos próximos á situación dos vascos no remate do franquismo, cunha lingua ancestral minorizada, escasamente falada e maiormente descoñecida. E ademais, difícil: acabouse aquilo de que o galego é doado. Non o debe ser, cando hai tanta xente nova que o aprecia pero non é quen de falalo con xeito en ningunha circunstancia. Habería que repensalo todo, incentivar espazos monolingües, no lecer, na arte, na música, na aprendizaxe informal, ….e na televisión, no audiovisual e nas redes sociais, comprometer a líderes de opinión no proceso, …e por suposto recuperar unha escola galega, non esa que “liberalmente” colabora co amable lingüicidio. Seguro que Rueda ten un plan: esoutro día púxolle flores a Castelao.