Propoñemos esta vez unha rota, de un día e duns 50 km, por terras do interior da provincia de Pontevedra. Se imos desde a zona de Lugo ou A Coruña pasamos por Agolada, onde hai que botar unha ollada, aínda que sexa rápida, ao interesante núcleo de pendellos da chamada Feira ou Mercado medieval. Desde outras zonas, a opción é achegarse pasando por Lalín ou Rodeiro.

Baldaquino da igrexa de Ventosa

San Xulián de Ventosa: a catedral rural

O noso primeiro destino é a igrexa de S. Xulián de VENTOSA, que merece unha visita, sobre todo no seu interior, porque esta “catedral rural” (como a definiu Filgueira Valverde), de traza orixinal románica do s. XIII, da que só queda a fachada e a nave, garda varios elementos monumentais: por un lado, o solemne sepulcro do Abade Lope de Ventosa, incrustado nun arcosolio no que os expertos ven unha lembranza do Pórtico da Gloria (sería obra dun discípulo da escola do Mestre Mateo). Por outro, catro corpos esculpidos e dúas columnas dun baldaquino gótico do s. XIV, con moitos relevos de escenas con anxos cantores e lectores, mártires, unha Adoración dos Magos e unha Circuncisión. A igrexa medieval case desapareceu no s. XIX (ao que pertencen algunhas das pinturas murais), época na que se desmontou o baldaquino, conformando un espléndido conxunto, aínda que lle falten algúns elementos.

San Pedro de Dozón

San Pedro de Dozón: a xoia románica

Desde as terras montesías de Rodeiro chégase ata a igrexa do antigo Mosteiro de monxas beneditinas de S. Pedro de DOZÓN, pequena xoia románica fundada en 1154 coa axuda do rei galego Afonso VII por dona Guntroda Suárez, segundo consta nunha inscrición da ábsida, aínda que o edificio é do s. XIII, conxuntando as influencias do románico lombardo e catalán cos aportes cistercienses, quizais desde Oseira. Chama a atención o seu proporcionado exterior, cunha preciosa decoración de motivos vexetais e xeométricos e con bos capiteis e canzorros, así como a bonita ventá calada da ábsida ou a situación da espadana nun lateral.

Museo Casa do Patrón

A casa do Patrón: o ecomuseo do mundo rural

Saíndo do núcleo do Castro de Dozón para coller a autovía que leva a Lalín, desde aquí vaise ata Codesedo, parroquia de Doade, para ver o Museo ou Colección etnográfica e arqueolóxica da Casa do Patrón, moi variada e curiosa, con máis de 2 000 m2 de exposición distribuídos en tres edificios, onde se expoñen pezas recollidas por toda a xeografía galega. Aquí fanse actividades dirixidas ao público, sobre todo para grupos escolares, asociacións e outros colectivos.

A Casa do Patrón conforma unha contorna patrimonial que inclúe o veciño Castro de Doade, en escavación, e que pretende xuntar a paraxe natural e agro-gandeira da zona coa sabedoría dos devanceiros, que irradia dos centos de apeiros que aquí se gardan. Nesta Casa do Patrón teñen un servizo de restaurante (funciona máis ben por encargo) e pódese aproveitar para dar conta dun típico cocido lalinense.

Pazo de Liñares

Pazo de Liñares: o museo galego dos monicreques

Desde Lalín e na case veciña parroquia de Prado está o Pazo de Liñares, obra dos s. XVII e XVIIII, que foi mansión dos Taboada e casa natal do afamado aviador Xoaquín Loriga e mereceu loanzas de Emilia Pardo Bazán. Declarado Ben de Interese Cultural, conta con grandes salas, unha inmensa cociña e boas labras heráldicas; nel houbo, ata hai pouco, un interesante e curioso Museo da Marioneta ou monicreques galegos.