Nunha fermosa mañá de outono e advento partimos uns amigos de Compostela a Cuntis por coñecer a orixe dunha fermosa historia: A da monxa fundadora do Carmelo en Galicia no século XVII, María Antonia de Jesús, coñecida como A Monxa do Penedo. Acolleunos a fraga revestida coas litúrxicas cores da outonía e co potente canto do río Umia transformado en fervenza por mor das chuvias recentes. Estabamos en O Penedo. Topamos cos restos das vivendas que hai 300 anos acolleron a familia muiñeira de María Antonia e onde veu ao mundo no 1.700. Familia empobrecida que abandona o lugar trala morte do pai e comeza así unha aventura de viaxes, estancias, venturas e desventuras. Aprendeu dende nena a bordar mentres sentía a chamada misteriosa de Deus. Non lle ensinaron letras mais aprendeunas por si mesma. Casou cando moza cun home pobre e bo. Pasado o tempo ambos decidiron facerse relixiosos carmelitas e entraron en Madrid en conventos teresianos. Ela tiña a teima de fundar en Santiago. Houbo superar grandes atrancos e prohibicións provocados algúns por bispos e cregos. Por fin no ano 1758, logo de viviren dez anos nunha mísera estancia nun recuncho en San Roque, consigue coas demais monxas inaugurar o Convento do Carme, onde morreu e foi enterrada. Moi pronto quixeron facela santa, pero parou o proceso. O Papa Francisco declarouna Venerable hai poucos anos. Consérvanse moitos dos seus escritos, sendo a única autora mística galega e ao parecer de expertos semellante a Santa Tareixa. O amigo Xosé Antón Seoane, entusiasta da nosa monxa, ven de escribir unhas rimas ben fermosas resumindo a súa vida, non caben todas, vaia unha mostra:

Fundar en vida un Carmelo
era teima desde nova;
conseguiuno e non sen probas,
humanas e relixiosas

A monxiña do Penedo,
e -sempre con sinxeleza-
vai por místicas congostras
amando sempre a pobreza.