A Pomba Dourada é premio, é celebración e é encontro. Naceu como cariño e un aplauso, despois do seu pasamento, a Paco e Pacita, militantes da vida, da xustiza e da ledicia en mil causas, sempre desde o seu compromiso raíz coa comunidade cristiá Vanguarda Obreira da Coruña. Cada ano convócase esta reunión arredor dunha mesa na que comemos e falamos de mil cousas e na que se lle dá un recoñecemento, en forma de pomba de cerámica, a un deses corazóns libres, solidarios e argalleiros que atopamos pola vida. Eses que nadan contracorrente e dos que hai ben deles, que non vos enganen. Recentes foron as homenaxes a APEM – organización coidadora de persoas con doenzas mentais que impulsara o noso inesquencibel Muruzábal – e tamén ás “Mulleres colleiteiras”, que cooperativamente recollen e reciclan aceite, que xa foron portada en Irimia.

A Pomba Dourada é unha pomba mensaxeira, como na habanera, á dicimos: “voa nos ceos” e “e ao meu amor dille que sempre espero”. Algo así. E a mensaxe que leva son sempre boas noticias, son Boa Nova.

É unha mensaxe que di que esta cousa bonita está organizada polas fillas dos membros da Vanguarda, pois estes andan moi ocupados co lumbago e coa movida dos pensionistas. Aí estaban Hosanna, Maite, Paula, Sandra, Ana, María… Boa cousa, e ben escasa, iso da continuidade xeracional. É o que ten beber en boas fontes.

Boas noticias as que trouxo este ano Mito, Guillermo Fernandez-Obanza, fundador de “Ecodesarrollo Gaia”, ONG que nos irmanda aos galegos e galegas co Senegal e as súas xentes. Que “conecta solidaridades”, como dicía o propio Mito. Contaba como os caiucos saían de Mauritania, pero os pasadores deste país non sabían gobernar unha embarcación. Así que eran os propios emigrantes senegaleses, “os clientes”, logo, os que levaban o leme cando chegaba a Guardia Civil do Mar trincábaos a eles por tráfico ilegal. Por iso hai presos senegaleses a esgalla aos que a organización de Mito acompaña. Pero tamén clases aos nenos e nenas e actividades de integración. E programas aló, xa en África, como “Coruña Cura” con médicos que se desprazan aló, o programa “cosendo futuro”, con mulleres a partir de prendas de segunda man, mulleres senegalesas ás que se alfabetiza e empodera na “Escola Coruña”, en Yoff, que tamén ten educación infantil.

Hai boas novas, que non nos confundan.