Aprenda inglés en tres días. Adelgace sen dieta nin exercicio. Deixe de fumar coma se nada.

Debémoslles parecer parvos. Pero seica funciona. E o conto do perpetuo pracer non é nin tan sequera hedonista, como afirma algún moralizador. O hedonismo é ben máis sabio: gozar das cousas da vida de maneira autolimitada, con control, porque as cousas saben mellor nas doses precisas.

Negar o esforzo e a dor para o logro dun obxectivo que pague a pena fainos perpetuos inmaduros, os meniños mimados da historia.

Saíu nos medios que o grande ausente dos debates electorais foi o planeta, a contaminación, o cambio climático, ese desastre medioambiental que, de acordo cos científicos, e a pesar dos negacionistas, nos ameaza a todos e todas. E é certo: non se falou da que estamos armando, dos peixes con plásticos, dos pesticidas que comemos, dos antibióticos que bebemos, da escaseza de auga potable, do mar que sobe de nivel, dos residuos imposibles de xestionar.

Son simpáticos, dá xenio ver tanta mocidade polo mundo, inspirada por Greta Thunberg, esa adolescente sueca, miudiña e resolta. Deu xenio velos facendo folga e organizándose para denunciar a pasividade dos gobernos. Porque o futuro é deles. E non hai un segundo planeta.

Pero o desafío é “antropolóxico”, cultural. Ou, se queredes, de civilización. As nais dos que temos certos anos eran ecoloxistas sen sabelo. Aforraban enerxía, consumían o imprescindible, reutilizaban e reciclaban de todo. Elas coexistían coa escaseza, coa limitación, co sacrificio, como parte dunha existencia, en moitos casos, feliz. Pero asáltame a dúbida: que cota de dor, de renuncia ao desexo inmediato, ao máis cómodo e inmediatamente consumible temos nós e os nosos fillos e fillas, mesmo os que protestan.

Por iso, quizais, nas campañas e debates eluden falar do planeta: de canta enerxía estamos dispostos a non usar; de se apoiaremos a supresión radical de bolsas, barquetas, films plásticos; de se renunciaremos ás toalliñas húmidas e ás vacacións en voos baratos a Madagascar (esas que maldita falla fan); de se aceptaremos as limitacións e impostos medioambientais aos combustibles fósiles, ou as multas por non separar o noso lixo.

A verdade ás veces dá poucos votos. A mentira dá máis, pero non evita os desastres. Nas xerais pasou o que pasou. A ver que pasa nas eleccións locais.