Comezou unha nova década e as ideas continúan a ser as da pasada e da anterior, porque nos gusta falar da lingua e que vós faledes e que saibades facelo ben; pero tamén que reflexionedes e que poñades algo da vosa parte. Así, hoxe comezamos por comentarvos que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC vén de sacar un concurso de subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego. Parabenizamos a iniciativa, pois todo o que se faga por promover o galego nos medios audiovisuais é un paso adiante para a nosa lingua, e sendo no ámbito das ciencias da saúde, moito máis. Daquela, se pertencedes á comunidade universitaria, animádevos a participar; e se non pertencedes, pero coñecedes a alguén, dádelle azos para que o faga. Un pouquiño de cada un, fai un moito para o galego e así imos enchendo a rede de recursos na nosa lingua. Nestas cousas da saúde xa sabemos que o galego escasea, pero igual vos sorprendedes se vos dicimos que tamén escasea para falar de cousas ben nosas, ben tradicionais, autóctonas e que teñen nome galego. Facede a proba e buscade, por exemplo, receitas de filloas ou de orellas en galego. Se vos serve algo escrito, aínda podedes atopar (tampouco pensedes que un feixe), pero como queirades vídeos…, é dicir, o típico vídeo de youtube, deses que dan instrucións, custa ben dar con el. Así que tamén animamos a xente a que, en tempo de entroido, de paso que fai filloas, orellas e algún cocido, que poña unha cámara diante e que grave o proceso e o discurso. Non fai falta que saia a cara de quen faga o moado nin as filloas, de quen faga a masa ou frita as orellas… O caso é que haxa contido e que estea en galego. Se o relato é bo, transmítese máis e vese máis, e canto máis se vexa, máis aparece nos buscadores e… Nós non somos usuarias das redes sociais, pero sabemos que o mundo xira arredor e dentro delas; daquela, tamén alí ten que estar a nosa lingua. De feito, o concurso Youtubeir@s busca a elaboración de vídeos en galego, tanto de opinión (vídeo-opinarmos) como de instrucións (vídeo-facermos), así que, se ao final facedes os vídeos, aínda podedes presentalos ao vídeo-facermos (xa logo ha saír a convocatoria) e gañar uns cartiños.

Ensarilladas en tanta comida e tanta convocatoria, case esquecemos o importante do número de hoxe, que é desexarlle as melloras a Fernando, que lle toca, desta volta, lernos desde o hospital. Moito ánimo!