En primeiro lugar, o líder que se “beneficiará”, se o PP consegue maioría absoluta, non vai ser primordialmente o candidato dese partido á Presidencia da Xunta, como formal e legalmente correspondería, senón que, en realidade, será o presidente do PP de España e líder da oposición, don Alberto Núñez Feijóo, que precisa perentoriamente unha vitoria electoral en Galicia para asegurar a súa supervivencia no liderado do seu propio partido. Salvar o “soldado” Feijoó é, xa que logo, o verdadeiro obxectivo do PP nestas eleccións. Por iso se adiantaron e e tratan de asentar a propaganda electoral moi principalmente en asuntos, temas, conflitos e problemas máis propios dunhas eleccións xerais.
Unicamente o BNG tentará impor, sen éxito, un debate electoral centrado en Galicia, como sería normal.
A rede mediática galega, mercenaria tradicional dos gobernos da dereita na Xunta de Galicia, está a colaborar xa descaradamente nesta estratexia, máis atenta e pendente das cuantiosas subvencións, directas e indirectas, que están afeitos a percibir dos gobernos dos populares ca do seu papel de informadores e fornecedores dunha opinión pública plural, democrática e sa.
Do PSdeG é sabido que, por unha parte, mellora as súas posibilidades electorais en Galicia sempre que o PSOE goberna no Estado; por outra parte, pode facer a súa feira coa estratexia do PP e asumir, dentro dela, o papel de defender un Goberno de coalición social-progresista, de esquerdas e inequivocamente demócrata, fronte a unha alternativa fondamente reaccionaria, conivente e condicionada pola extrema dereita.
Os partidos estatais á esquerda do PSOE, neste contexto electoral, tamén poderían representar un papel importante se fosen quen de artellar unha coalición. Coalición que por presbicia política, por sectarismo partidista ou pola quimérica idea do “canto peor para todos, mellor para min”, non foi ata agora posible e, aínda que á hora de escribir estas liñas habería tempo, é moi improbable que se logre.a
Unicamente o BNG tentará impor, sen éxito, un debate electoral centrado en Galicia, como sería normal. Esta posición política podería axudarlle a recadar algúns votos “prestados” do desencanto ou da frustración das esquerdas e axudaríalle a celebrar un certo éxito electoral, sobre todo porque lles fose algo mellor a eles, aínda que lles fose mal a moitos outros.
Nunha situación así, quen gaña terreo é a abstención electoral e a desafección da política, que, en vez de ser percibida como a actividade nobre e imprescindible que é para a convivencia social, vese como un campo enlamado pola corrupción, o sectarismo e a estupidez humana. Así, nin o soldado Feijóo se vai salvar.