1

Nenos Gaza
Segundo a información recollida e publicada pola ONU, e de acordo co Ministerio de Saúde de Gaza, no mes de xaneiro cando menos 22.835 palestinas e palestinos foron asasinados na Franxa de GAZA dende o 7 de outubro. Ao redor do 70% desas persoas eran crianzas e mulleres, namentres outras 58.416 persoas resultaron feridas polo exército de Israel. Ademais, a ONU aloxa en 155 instalacións da organización a case 1,4 millóns de persoas desprazadas, e presta servizos a outro medio millón máis delas.

Imaxe: unrwa.org

2

O 24 de febreiro deste ano acabado de amencer inaugurarase o MONUMENTO ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO DE FERROLTERRA, EUME E ORTEGAL. A figura ubicarase na Praza de Antón Varela en Canido, Ferrol, e érguese en lembranza das máis de 900 persoas que pola súa defensa da legalidade republicana e das liberdades democráticas foron alí vítimas mortais da represión franquista. A promotora do monumento é a Comisión Pro Memorial ás Vítimas do Franquismo en Ferrolterra.

Inauguración MONUMENTO ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO DE FERROLTERRA, EUME E ORTEGAL

3

Cartel Iribarne
ButacaZero traerá a Galicia durante este 2024 a peza teatral IRIBARNE, que coproduce co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. Escrita por Esther Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira, fai unha revisión da figura de Fraga ao longo de tres episodios (franquismo, transición e democracia, culminando coa hexemonia do político en Galicia). Representarase alomenos en 11 localidades galegas.

4

A Rede Miriam de Espiritualidade Ignaciana Feminina e a Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria organizan o vindeiro sábado, 11 de maio, un encontro de sororidade con PILAR WIRTZ MOLEZÚN. Celebrarase no salón de actos do Colexio da Compañía de María de Santiago entre as 10 e as 18 horas. Cómpre apuntarse no correo electrónico mcgexeria@gmail.com
Cartel Encontro de sorodidade con Pilar Wirtz Molezún

5

Parlamento de Galicia
As galegas e os galegos escolleremos o 18 de febreiro as 75 persoas que nos representarán no PARLAMENTO DE GALICIA por un período máximo de 4 anos. Os escanos distribúense en función da poboación de cada unha das provincias: 14 por Lugo e Ourense, 25 pola Coruña e 22 por Pontevedra. Esta será a XII lexislatura dun Parlamento que tivo tres sedes, que pasou de ter 3 mulleres deputadas a seren estas hoxe maioría, e que albergou 9 partidos e 5 presidentes que aprobaron casi 400 leis.

6

A Axencia Galega da Industria Forestal e o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia puxeron en marcha unha nova plataforma en liña (https://lignumfacile.gal/gl) para a PROMOCIÓN DA CONSTRUCCIÓN CON MADEIRA entre os colectivos profesionais que traballan con este material. Perséguese impulsar a súa utilización en edificios públicos e privados e amosar as vantaxes que ofrece, así como tratar cuestións como o seu custo, durabilidade e protección fronte a incendios e fenómenos naturais.

Edificio

7

Portada do traballo de Caamaño - Ameixeiras - Quitar o aire
Sabela e Antía, CAAMAÑO&AMEIXEIRAS, colleitaron co seu primeiro traballo (Aire!) o premio Martin Codax 2021 na categoría de folk. Elas nacen da tradición, coa que crean unha linguaxe de seu con recursos actuais e cos instrumentos que tocan, o acordeón e o violín. En 2023 saíu o seu segundo traballo, Quitar o aire, no que din inspirarse na ritoloxía popular galega, nun universo que sitúa no centro a tribo, a comunidade como rede de axuda para salvarse as unhas ás outras.  

8

O colectivo CAMINANDO FRONTERAS denunciou o falecemento de 6.618 persoas tentando chegar ás costas de España en 2023, das que 363 eran mulleres e 384 nenas e nenos. A ruta canaria, que califican como a máis letal do mundo, levou a vida de 6.007 persoas que tentaban cruzar o Atlántico. Denuncian que en case todos os casos as embarcacións desapareceron con todas as persoas a bordo, sen que se activaran medios de busca e rescate ou facéndoo cunha demora que puxo en risco vidas humanas.

Emigrantes no porto