1

MERCADOS DE ALIMENTOS DE PROXIMIDADE

O SLG e a FRUGA solicitáronlles aos concellos galegos o levantamento do peche dos MERCADOS DE ALIMENTOS DE PROXIMIDADE diante da emerxencia sanitaria, medida que, segundo din, contradí a normativa europea. Chaman a atención sobre a fortaleza dunha sociedade que conte con mercados nos que as labregas e os labregos vendan directamente a súa produción e destacan entre os beneficios: evitar aglomeracións e contaxios, mercar alimentos frescos, apoiar a economía local e a loita contra o cambio climático.

2

Pola súa banda, varias persoas participantes en diversos grupos de consumo agroecolóxico en Galicia crearon un espazo na rede social Telegram para compartir cuestións que os afectan, sobre todo nestes tempos nos que están pechados os mercados de proximidade, prexudicando gravemente as canles curtas de comercialización e a soberanía alimentaria. Alí comparten dúbidas, inquedanzas, dificultades e tamén solucións, ferramentas e recursos. Son os GRUPOS DE CONSUMO AGROECOLÓXICO GALIZA.

GRUPOS DE CONSUMO AGROECOLÓXICO GALIZA

3

DIACONADO FEMININO

O Papa Francisco crea unha nova comisión de estudo do DIACONADO FEMININO. O pontífice propuxo “refacer” esta cuestión da man da Congregación para a Doutrina da Fe, composta por cinco homes e cinco mulleres, ningunha das cales participou na anterior comisión. Francisco afirmou no Sínodo para a Amazonía que “aínda non reparamos no que significa ser muller na Igrexa e quedamos só no funcional, mais o seu papel vai moito máis alá”.

4

Moitas entidades viñan reclamando a RENDA BÁSICA UNIVERSAL, entre elas o Colectivo pola RB da Coruña, quen solicita a súa implantación inmediata no Estado español, con carácter individual e incondicional, nunha contía suficiente para vivir dignamente e cunha duración como mínimo ata fin de ano. Ao tempo, o colectivo solicita a adhesión da Xunta e dos concellos galegos á petición dunha renda da que, polo que se coñece, farase efectiva no mes de maio.

RENDA BÁSICA UNIVERSAL

5

#NONNOSCANCELES

A cultura galega mobilízase durante o parón polo COVID-19 e promove a iniciativa #NONNOSCANCELES para evitar a suspensión polas administracións públicas e as empresas dos espectáculos ou servizos culturais contratados, propoñendo aprazalos ou adialos. O sector cultural dá traballo a milleiros de persoas e achega o 2 % do PIB galego. Mais, sobre todo, coida a cultura, que, como din, “tece as nosas vidas, as nosas emocións, a nosa identidade, o noso futuro”.

6

Na revista VINTE elaboraron e comparten unha serie de catro capítulos duns quince minutos de duración cada un sobre a historia de Galicia nos anos 20; poden visualizarse na súa páxina web: https://vinte.praza.gal. O primeiro capítulo fai un repaso xeral á década e os seguintes dedícanse ás Irmandades da Fala, á literatura, ao teatro e ao cinema galegos.

VINTE

7

CAMPAÑAS

Tempo de CAMPAÑAS intensas nas redes sociais, desde a promovida por re.publico.es ,solicitando a convocatoria dun referendo sobre república ou monarquía, ata a de change.org, solicitando a transferencia dos cartos suízos do rei emérito á Sanidade, ou as que promoven a defensa dos dereitos nos tempos da pandemia (e ao saírmos dela). Coas súas limitacións, son outra maneira de pronunciarse.

8

Dormir soñar morrer acaso
agardar un encontro para se tornar caricia
e bañarse nas ondas
nas mesmas vivas augas da existencia
sílabas delicadas ausencias repentinas
a ser perder no reino do lamento:
E ai Deus se virá cedo!

LUZ POZO GARZA, tecedora de letras. Finou no mes abril. Nacera 97 anos antes en Ribadeo e ao longo da súa vida foi profesora, escritora e crítica literaria. Cando ingresou na Academia Galega, fíxoo cun discurso sobre Rosalía, a que foi a primeira intervención na entidade en poesía.

LUZ POZO GARZA