No mosteiro de Bergondo celebramos, o día 4 de febreiro, a asemblea anual da Asociación Irimia, editora desta revista, da páxina web e do blog irimia.gal, organizadora das romaxes e demais eventos, xuntanzas e emprendementos ben coñecidos polos nosos subscritores/as e lectores/as. Como adoitamos facer, alén das habituais formalidades que esixen os estatutos e a lei de asociacións (rendición de contas, renovación de cargos…), aproveitamos a xornada para darlle un carácter de encontro, debate e celebración.

A asemblea da asociación: contas, cargos e decisións

Como noutras ocasións, comezamos pola “base material”, dando razón transparente e precisa dos cartos que ingresamos, gastamos e fan posible o que facemos.

Os ingresos da asociación en 2022 (un total de 19541,36 €) viñeron das cotas (1450 €), de doazóns e subscricións de apoio (1340 €), de doazóns na Romaxe (622,10 €), de devolucións do IVE previamente pagado (2278,26 €) e de subscricións á revista Irimia (13 845 €). E está pendente de cobro unha subvención da Deputación da Coruña, por valor de 1925,00 €.

Os gastos nese mesmo ano supuxeron un total de 22468,51 €. Os servizos, impostos e funcionamento ordinario da asociación levaron 2 679,73 €. O gasto na revista en versión electrónica e papel (maquetación, impresión, envío, xestión web e xestión bancaria) ascende a 16 286,75 € . E os gastos de organización da Romaxe en Castelo-Culleredo foron de 3502,03 €.

O déficit de funcionamento no momento de pechar o exercizo foi de 2927,15 € (que se corrixirá a 1002,15 € no momento do cobro da subvención indicada).

A pesar de que as perspectivas de colaboración do concello de Brión na organización da Romaxe son moito mellores das que se deron no caso de Culleredo, esa situación deficitaria prevese maior no ano actual, 2023, no que non se conta coa devolución de atrasos do IVE e non hai previsión de mellora nos ingresos, pero si de aumento dos gastos da revista por incremento dos prezos. As previsións apuntan un déficit contable de 1500 €, mesmo contando cunha previsión optimista de 2000 € de subvención.

Para corrixir ese déficit é necesario unha actualización dos prezos de subscrición, tal como se explica na carta do tesoureiro, que publicamos aquí mesmo.

Reelixíronse os cargos da directiva, tal e como se dispón nos estatutos. Neste caso reelixíronse por práctica unanimidade as mesmas persoas para os mesmos cargos: ademais dos vogais de zona e de seccións, o servizo de presidir Irimia realízao Lucía Santiago Díaz, sendo secretaria Bea Pérez Mosquera e tesoureiro Manuel Adame Moldes.

Unha decisión relevante foi encomendarlle á Xunta Directiva a organización dun proceso de selección dunha ou varias persoas que asuman os traballos de coordinación e edición da revista en papel e a web, de maneira que se posibilite a transición a ese modelo en xaneiro de 2024.

Festa do lume 2023

Vulnerabilidades en perspectiva

Nesta ocasión organizouse unha mesa redonda na que se expuxeron situacións de vulnerabilidade, sobre todo de mulleres, na nosa contorna próxima e, ampliando o foco, a nivel global, con testemuñas de Afganistán, xente refuxiada que xa está aquí, que presentou Marta Sopeña.

No plano das nosas situacións de “vulnerabilidade consolidada” no tempo, Merchi Andrade, da Asociación Xiara, expuxo a situación das empregadas do fogar, mulleres galegas e tamén inmigrantes, con realidades de auténtica privación dos máis elementais dereitos laborais, a pesar dos cambios lexislativos positivos realizados na última década.

Marisa Vidal presentou o libro sobre a revolta das mulleres na Igrexa, no que se expón o proceso seguido na súa maduración e consolidación desde o seu comezo en 2020, como unha iniciativa pola igualdade das mulleres no ámbito eclesial, e que afunde a súa raíz no movemento “Alcem la veu” en Catalunya. Recóllense voces de Madrid, Galicia, Andalucía, Aragón, País Vasco, México, India e comunidades indíxenas de Latinoamérica. Ademais, abórdase a folla de ruta actual do movemento e o seu futuro, e faise unha orixinal “xenealoxía”, con 60 “nais” que se presentan como as súas antecesoras históricas.

Celebración sentida e con sentido

Despois dun bo xantar compartido no claustro solleiro do Mosteiro, con música e voces de artesanía, a xente máis nova estivo a cargo da condución da celebración da nosa candeloria. Foi unha celebración sinxela e sentida co corpo, co ánimo e co pensamento. Esta foi a nosa versión da oración fundacional da mellor tradición cristiá

Noso Pai-Nai, en quen somos e vivimos,
santificado sexa o teu nome.
Veña o teu Reino e fágase a túa vontade
aquí na terra coma no ceo.
Dásnos hoxe o noso pan de cada día,
perdoas as nosas ofensas
e así tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido.
Non nos deixas caer na tentación e líbrasnos do mal.
Amén!

Cómpre agradecerlles a Clara e a Carmela que desenvolvesen o espazo FAÍSCAS, pensado para facilitar o coidado de nenos e nenas, posibilitando así que participen persoas con compromisos “coidadores”.

Benquerido/a irimego/a:

Na Asemblea da Asociación Irimia, celebrada en Bergondo o pasado día 4 de febreiro, adoptouse por unanimidade dos socios e socias presentes a decisión de aprobar un incremento de 5 € nas cotas de subscrición da Revista Irimia nas súas dúas modalidades: subscrición ordinaria e subscrición de apoio.

evamos desde o ano 2016 sen modificar a contía das subscricións, mais a subida dos prezos das nosas provedoras nestes últimos anos fixo que os custos da edición e envío da revista sexan superiores aos ingresos acadados polas subscricións. A día de hoxe, o prezo da revista é de 3,20 € por exemplar. Para que o poidades ver máis claro, diremos que unha subscrición ordinaria paga 30 € anuais, cando o custo que supón a edición da revista para cada subscritor é de 35,20 € (3,20 € x 11 revistas).

Esta é a situación que se analizou na asemblea e que levou a tomar a decisión do incremento. En consecuencia, a partir do mes de abril, pasaremos ao cobro dos recibos domiciliados cos seguintes importes:

– Subscrición ordinaria: 35€

– Subscrición de apoio: 50€

Se por calquera motivo queres modificar a túa subscrición, só tes que poñerte en contacto con nós no noso enderezo electrónico: irimia@irimia.gal ou chamando ao teléfono 615 464 095 (Xosé Lois, responsable das subscricións da revista).

Unha aperta irimega
Manuel Adame Moldes
Tesoureiro da Asociación Irimia