1

IAGO GONZÁLEZ

IAGO GONZÁLEZ é un músico naronés e profesor no Conservatorio da Coruña; pasou por numerosos grupos de Ferrolterra tocando rock, reggae ou pop e acaba de publicar unha peza, “Noso son”, na que fusiona música galega e latina, gaitas con ventos metais e tumbaos de piano cubanos, cunha clara invitación ao baile. Iago tamén comparte contidos sobre poesía e improvisación teatral nas redes sociais.

2

Un novo libro de fotografía, Fonmiñá (1985-2021), do estudoso e experto EDUARDO OCHOA, recolle a actividade desenvolvida polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá durante os últimos 40 anos. Nesta obra, homenaxe aos que axudaron a tecer a memoria colectiva luguesa, recóllense imaxes dos séculos XIX, XX e XXI. O Grupo Fonmiñá naceu a mediados dos 70 en Lugo e organiza dende entón bienais de fotografía, a Semana Internacional de Cine de Autor e outras actividades relacionadas co cine e a fotografía.

Portada libro Formiñá

3

ROGA

Neste novo ano 2023 naceu ROGA, colectiva de profesionais das ciencias sociais e humanísticas unidas para a defensa do patrimonio galego. Fronte á xentrificación, o abandono do rural e a desafección progresiva polo patrimonio cultural, ROGA propón un traballo conxunto coas comunidades locais galegas para elaborar novos discursos, a posta en valor e a divulgación do patrimonio.

4

A COMUNIDADE DE MONTES DE TAMEIGA aprobou en asemblea extraordinaria, por unanimidade, a compra dos terreos lindeiros co monte comunal, ampliando deste xeito a súa extensión, e lanzou unha oferta de compra efectiva e inmediata fronte ao intento do presidente do Celta de Vigo de apropiarse do monte para facer un complexo comercial e deportivo.

A COMUNIDADE DE MONTES DE TAMEIGA

5

Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

Do 15 ao 21 de marzo celébrase a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, do Museo do Pobo Galego (MICE). Esta sétima edición centrarase na “rururbanía”, concepto definido en relación con aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural, nos que xorde o conflito e o desencontro, mais tamén novas formas de resistencia, socialización do patrimonio e prácticas culturais.

6

E no Festival de Cine de Berlín tivo lugar a estrea mundial de dúas longametraxes rodadas en galego: MATRIA e SICA. Matria narra a historia de Ramona, a muller protagonista da curta premiada en Sundance, que deu orixe á longametraxe. Na Costa da Morte rodouse Sica, unha coprodución galego-catalá que narra a teima dunha moza de 14 anos co mar para que lle devolva o corpo do seu pai, logo dun naufraxio. Poderanse ver nos cines a partir, respectivamente, do 24 de marzo e do 19 de maio.

Matria e Sica

7

Aica

A AICA (Axencia de Información e Control de Alimentos), que se ocupa de supervisar os contratos na cadea alimentaria, vén de publicar, por primeira vez, a lista trimestral de empresas sancionadas. 69 multas, entre as que aparecen InLeit (filial galega de Liasa) e Supermercados Froiz. No primeiro caso, 9000 euros por unha variación unilateral á baixa do prezo do leite contratado coas granxas; no segundo, por incumprimento dos prazos de pagos. É importante que se coñezan os nomes, pero tamén o sería que as cantidades coas que son sancionadas as disuadan de repetir estas prácticas.

8

FUXAN OS VENTOS reuniu ao longo da súa andaina, que comezou no III Festival das San Lucas de 1972, preto de 30 compoñentes. MONCHO DÍAZ, Moncho Fuxan, un dos fundadores, faleceu este pasado mes de febreiro. A súa compañeira, Tareixa Novo, anunciou que pasados uns días quedarían para lembralo facendo as tres cousas que máis amaba: tomar un viño (tinto, por suposto), comer empanada de Monforte e botar unhas cantareas.

Fuxan os Ventos