Francisco Rafael Gómez-Canoura, cura de Baio e outras nove parroquias do concello de Zas, protagonizou a mediados de decembro un escándalo en Twitter, logo de subir dous tuits nos que chamaba “manada de cerdas” ás feministas e “gilipollas” aos votantes do BNG. Esta é a resposta de Christina Moreira, membro da directiva da Asociación Irimia.

Benquerido Francisco,
compañeiro na tarefa urxente e apaixonada de traer á nosa Terra Boas Novas de Paz, xustiza, perdón e verdadeiro amor.

Lin as túas verbas acendidas nun tuit contra as feministas valentes que estes días saen á rúa a defender as nosas vidas e as nosas honras, verbas mesmo violentas e irrespectuosas pola parte dun home de Deus como de calquera cidadán.

Logo da miña reacción, despois do lóxico primeiro brinco, viñéronme varias preguntas para tentar comprenderte. Se soubese que ferida atesouras que te saca así dos teus gonzos, que te move a ese lado fácil do odio e da carraxe e… que resortes te levan a desdicirte tan de contado, quizabes me axudaría a poder falarche de corazón a corazón, con agarimo, pero con gravidade, de temas serios cos que non se pode xogar.

Verás, a min puxéronme un día un evanxeliario nas mans e dixéronme que en diante tiña que procurar vivir en coherencia cos seus principios no seguimentos de Xesús, pregoar o que viva e vivir conforme ao que pregoo. Estou de acordo, non é nada doado e somos tan pecadentos como calquera, malia o que nos gustaría. Aínda así, penso que non debe ser imposible de todo, hai xente que o acada…. Se eles puideron, nós podemos. O Nós é a clave desta frase, non o verbo poder.

Dime que entendo mal cando te vexo alporizado como se as nosas inocentes protestas te ofendesen especialmente

Ti e mais eu somos nós; moitos máis nós agardan dentro da nosa Igrexa e fóra dela, palabras de esperanza, compaixón, acollida para nós e as nosas feridas, as causadas polo maltrato machista, polos nenos e nenas asasinadas, polas violadas sen número que vai acumulando Papaíño Deus na súa memoria, unha memoria que precisa de ser infinita para tantos nomes e tanta dor, con nomes que vai gravando un a un no seu corazón, unha tarefa coa que toda persoa bautizada debera colaborar; ti e mais eu estamos aí para recordalo, non si?

Ás mulleres non nos matan por sermos malas, por botar pouco sal no guiso, nin tan sequera por ser “porcas”. Mátannos porque somos mulleres, por crer que somos algunha clase de galiñas ou gando que, chegado o momento, cómpre sacrificar porque xa non damos ovos nin leite. Porque nunha parte importante da metade da humanidade, e da Igrexa na que ti e mais eu fomos bautizados, pensa que somos de distinta masa e que, por riba, iso xustifica que uns teñan poder de someter e dispor da outra metade. Someter ata quitar a vida e explotar sen vergoña porque, coma as porcas, temos dono. Someter como tamén a nosa benquerida Igrexa somete relixiosas e leigas a cambio de nada, manténdoas en minoría de idade, privadas da plenitude dos efectos do seu bautismo. Someter como os maridos e pais someten, afacéndonos desde nenas para non negármonos ao sometemento…, someter para sacar de nós o meirande proveito (traballo, crianzas, sexo forzado ou non, cartos…).

Por riba, cumio do sometemento, tamén os virís procuran tirarnos a nós enriba a culpa que non queren para si…, pero non, os que violan son eles, os que matan son eles, os que pegan labazadas son eles. Dime que entendo mal cando te vexo alporizado como se as nosas inocentes protestas te ofendesen especialmente, ata o punto de facerche perder o norte e a coherencia co tenro, nobre e igualitario Xesús, de facerche perder de vista o Supremo Mandamento do Amor. Tes dereito a dicir que iso non vai comigo.

Desexo que o Nós medre, que sexa plural e traia paz e ben nestes tempos duros e escuros

Mais si vai coa miña amiga Caroline, relixiosa agredida por un cura no seu convento, do que tivo que saír doente e sen recursos; vai coa miña querida profesora de teoloxía práctica, Christine, abusada de nena por un cura; vai agora con centos de vítimas que sacaron peito e voz para devolver as culpas aos seus donos. Vai comigo e espero que algún día vaia contigo, desde o lado luminoso dun corazón aberto como o do Nazareno, cando salvou a aquela acusada de adulterio e prometeu que as alcumadas putas chegarían primeiras ao seu Reino.

Tamén vai comigo a túa xenreira, feminista, cura e votante do BNG, o partido no que confio para defender a miña Terra, para procurar facer corpo con ela. Votei BNG e volverei votalo, como moita xente que cre na mensaxe de xustiza e igualdade do profeta Xesús, que non morreu na cama. Tamén, por exemplo, porque concordo que a democracia non pode ser cousa de manter escandalosos privilexios á familia dun ditador. Engado que son republicana e que recito o Credo ata o final sen dubidar e coa man no corazón, e que durmo ben polas noites…, aínda que hoxe algo preocupada por ti e por todos os tis que non se atreveron a falar e aplaudiron o teu tuit in petto.

Seica logo te arrepentiches do que dixeches. Desexo con toda a miña alma que te arrepentises de veras, desexo de veras que o lado escuro non nos venza, desexo que o Nós medre, que sexa plural e traia paz e ben nestes tempos duros e escuros.