Vai para dez anos daquel verán do 2012 no que Sabela Núñez, Carlos Montero e os seus fillos e fillas -Iago, Ánxela, Paulo e Rosalía- fixeron unha viaxe solidaria a unha Ucraína esperanzada. Aí nace a novela O agasallo de Anya (Galaxia, 2013), que foi, e segue a ser, empregada nas escolas de Galicia. Alí, en Vorzel, a 30 quilómetros de Kíiv, ademais de brindarlle axuda a un orfanato, puideron coñecer xente como Natascha, coa que seguiron en contacto, mesmo nestes días, nunhas circunstancias ben diferentes.

Sabela Núñez, Carlos Montero e os seus fillos e fillas -Iago, Ánxela, Paulo e Rosalía-

Antes de nada, como se vos ocorreu aquela aventura?
Ademais de levar desde o ano 1989 como Casa de Acollida da Asociación “Fogares e apoio ao menor. Lar”, en Muimenta, e, polo tanto, convivindo con menores de Galicia en situación de desprotección, gústanos moito viaxar e facémolo coas nosas fillas e fillos como parte da súa formación e educación.

No verán de 2011 estivemos en Cabo Verde, na Ilha de Sal. Nas noitiñas saïamos coas nosas pelotas inchables que levabamos para xogar e axiña xuntabamos arredor de nós ducias de crianzas dando patadas ao balón. Sorprendeunos a ilusión que lles facían eses xoguetes e regalámosllelos.

Así, decidimos que o verán seguinte viaxariamos a un lugar no que as nenas e nenos tivesen escaseza de recursos e aproveitariamos a nosa equipaxe para compartir con eles parte do que nós tiñamos, conscientes de que podiamos prescindir de moitas cousas e de que, ademais, sairiamos dobremente beneficiados dese intercambio.

Creamos logo un humilde proxecto familiar: “Mochilinhas de cores” (www.mochilinhasdecores.blogspot.com), que nos permitiu aproveitar as nosas vacacións en Ucraína para compartir con aquelas crianzas 110 quilos de material escolar e pequenos xoguetes, que lles entregamos persoalmente, recibindo os seus sorrisos e agradecemento que, sen dúbida, tiñan ben máis valor do que o noso agasallo.

É importante axudar a Ucraína, igual que a outros pobos ocupados e oprimidos, como os palestinos ou saharauís

Un desafío familiar. Como imaxinabades a cousa e como foron cambiando as vosas perspectivas…?
Buscamos información sobre a realidade do país e vimos que eran moitos miles os nenos e nenas enfermos e/ou abandonados polas súas familias, vivindo en orfanatos dependentes da axuda humanitaria e da beneficencia, xa que apenas contaban con axudas gobernamentais. Visitándoos sobre o terreo, fomos conscientes de que había maior pobreza da que nós esperabamos atopar e, aínda que o material escolar e xoguetes que levabamos foron moi ben recibidos, era patente a escaseza de alimentos e outros produtos de primeira necesidade.

Así foi como, de volta á casa, puxemos en marcha un novo proxecto: “Cestinha de cores” (www.cestinhadecores.blogspot.com), que nos permitiu xuntar 1040€, que gastamos, integramente, en mercar alimentos, cueiros e deterxente nun supermercado situado nas proximidades do orfanato de Vorzel, que nesta guerra, con cincuenta crianzas, tivo que ser desaloxado nos primeiros bombardeos. Para facer esa compra e entregala, viaxamos alá nunha fin de semana de abril de 2013.

Ferrados de corazón. Da Terra Chá a Kíiv

En que medida a novela infanto-xuvenil O agasallo de Anya recolle esa vosa experiencia?
Mira, eu non sería quen de escribir esa novela se non a “vivise” previamente. Podería dicir que non foi da cabeza, senón do corazón, de onde saíu O agasallo de Anya. Na novela hai dúas protagonistas: Anya, que é de Ucraína, e Xiana, que é galega. Con esta última séntense identificadas moitas das nenas, e tamén nenos, que visito en colexios tras leren esta historia. Eu mesma me vexo reflectida no ser e sentir desa nena, egoísta por veces e solidaria noutras ocasións.

Anya tamén podería ser calquera das rapazas que visitamos nas nosas viaxes a Ucraína.

Que se respiraba en Ucraína naquela altura?
Vimos unha Ucraína ilusionada, construíndo un presente e futuro mellores tras independizarse da antiga URSS anos atrás. Tivemos a sorte de coñecer unha rapaza e a súa familia. Así interactuamos con xente de alí e apreciamos como á xente maior lle custaba pasar dunha situación na que o Estado lle cubría necesidades como traballo ou vivenda, a ter que conseguilas co seu propio esforzo. Porén, entre a mocidade apreciábase ilusión e expectativas de mellora.

Ese cambio, difícil de xestionar nalgúns sectores, causaba tamén situacións incómodas que vivimos alí, relacionadas coa corrupción policial. Era moi frecuente que nos parasen na estrada e nos impuxesen multas sen proba ningunha de ter infrinxido ningunha norma e sen entregarnos ningún tipo de xustificación unha vez abonado o importe que solicitaban e que, en moitas ocasións, quedaba considerablemente reducido tras o regateo de rigor.

A rapaza que dis, Natascha, pasará a ser o voso vínculo familiar con Ucraína. Como eran os seus soños?
Natascha era unha rapaza de familia moi humilde dun barrio de Kíiv, estudaba español e devecía por coñecer diferentes lugares e culturas. A súa ilusión, con 19 anos, era aprender idiomas e que iso lle facilitase traballar e viaxar por diferentes países do occidente europeo. Para nós foi de gran axuda. Acompañounos aos primeiros orfanatos que visitamos e mesmo nos escribiu unha “carta de presentación” en ucraíno para acudir a outros fogares infantís aos que non nos puido acompañar. Agradecía moito a nosa preocupación pola infancia do seu país.

Abriunos as portas da súa humilde casa e forxamos unha amizade que perdura a día de hoxe.

O agasallo de Anya

6.- Que sabedes da súa situación? Como cambiou o seu pequeno mundo?
Continuamos en contacto con ela desde entón e así soubemos que, tres anos despois do noso último encontro, casou e a día de hoxe é nai de tres crianzas. Mudouse a unha zona rural situada ao sur da capital e notábase feliz cada vez que falabamos con ela, ata que o seu mundo e as súas ilusións se viron truncadas pola invasión rusa, pola guerra, hai menos dun mes.

Estes días vive no medio do horror, sufrindo pola súa familia e por ela mesma, ao tempo que observa como destrúen o seu país e o futuro da súa xente. Permanece alí, pero non sabe por canto tempo será. Sabe que, nocaso de tomar a difícil decisión de fuxir, acollerémolos con cariño e agradecemento.

7.- Como valorades toda esta loucura desde que se inicia a invasión militar?
Como persoas que levamos toda a vida defendendo o antimilitarismo e o pacifismo, parécenos inconcebible que se teña chegado a unha situación de guerra por uns intereses de carácter estratéxico e económico na que, coma sempre, quen saen peor parados son os cidadáns e cidadás aos que lles cadra estar vivindo nos lugares atacados e masacrados.

Vemos importante axudar o pobo ucraíno, pero igual que debemos poñernos do lado doutros lugares e outra xente que leva anos sendo oprimida, como é o caso de Palestina ou mesmo dos refuxiados saharauís.

É urxente que haxa negociación e chegar a acordos que permitan paralizar esta guerra, dándolle ao pobo ucraíno a paz e a tranquilidade que merece.