Nuns anos, non moitos, a República será un feito en España. Entón trataremos —ou tratarán, os que viviren— de explicar como foi que durou medio século, ou máis, unha monarquía outorgada polo franquismo, corrompida e asumida por medo. Porque teño para min que esta Constitución é, en boa medida, filla do medo.
Medo dos franquistas a perderen a situación de privilexio, as fortunas fillas do espolio e da corrupción; medo a perderen a impunidade dos seus crimes. De feito, con aquela amnistía de 1977, máis ca outra cousa, fíxose táboa rasa: evitouse a depuración e condena dos criminais franquistas.
Teño para min que esta Constitución é, en boa medida, filla do medo.
Medo dos demócratas a recaer na violencia política, dada a presenza activa da extrema dereita nas institucións: na Administración, no aparello xudicial, no exército e nas “forzas de seguridade”. Asumiron, xa que logo, os demócratas aquel “consenso” constitucional coa expectativa de que, unha vez establecidos os alicerces mínimos da democracia, esta debería desenvolverse pola vía política, democrática e pacífica.
Por aí ía a cousa e xa se albiscaba a chegada do PSOE ao poder. Pero o 23-F a reacción franquista perpetra o golpe e, aínda que parece non triunfar, de facto, reconduce o proceso democrático: impón a lectura parcial e reaccionaria da Constitución e embrida a democracia cun modelo de alternancia bipartidista. Hai un evidente retroceso no que os franquistas e os seus “reformistas” viven ben, os criminais da ditadura manteñen a súa impunidade, a corrupción vai tomando carta de normalidade e a extrema dereita pode acubillarse comodamente no PP.
Son anos de “viño e rosas” da “monarquía parlamentaria” (1891-2011), ata que estala o movemento do 15-M que demanda “democracia real xa” e cuestiona o propio sistema con aquel “¡Non-nos-representan!”. A cidadanía acólleo con crecente complicidade. Cristaliza con notable éxito este movemento nun partido, PODEMOS, racha o bipartidismo e saltan todas as alarmas no establishment, que reacciona: a extrema dereita escíndese do PP, onde aniñaba, e nace Vox para participar aberta e directamente na batalla política; e Ciudadanos cruza o Ebro para converterse, desde Cataluña, nun partido de ámbito estatal, co obxectivo de incluír as dereitas na chamada “nova política”. Hoxe Ciudadanos desapareceu porque xa non é útil ou porque aquela hipotética nova política non era tal, ou por ambas as razóns. Ao tempo, estoura a omertà política e mediática sobre a corrupción da Coroa e toda a sociedade pode ver nu o rei.
Así se chega, por primeira vez, a un Goberno de coalición das esquerdas e á vella dereita máis a extrema, coligadas, tentan recuperar o poder e, no fondo, o bipartidismo.
Nesas estamos. Cada día faise máis insoportable a lonxevidade da monarquía e máis perentoria a necesidade de acadar a saída máis racional: o establecemento democrático da república, que se nos refresca na memoria cada 14 de abril.