España non é Andalucía ou Madrid, pero Madrid e Andalucía si son España. Creo que este aserto de pé de banco tende a resolver o debate —tamén de pé de banco— de se as eleccións andaluzas son ou non extrapolables ás próximas xerais. Extrapolables non serán, pero significativas, sintomáticas, influentes e, sobre todo, instrutivas, si que o son.

O xiro formal do PP cara ao centro, que se deixou ver co liderado de Feijóo pero, sobre todo, coa estratexia de Bonilla, favorece electoralmente o partido e, se non frea de vez a Vox, polo menos impide ou atrasa o seu crecemento electoral. Pero Vox segue vivo e, aínda coa absorción de Cidadáns practicamente consumada, o PP só ten dúas posibilidades reais para acceder a calquera goberno: ou conta coa maioría absoluta ou ha gobernar co apoio ou coa participación de Vox.

España non é Andalucía ou Madrid, pero Madrid e Andalucía si son España

En todo caso, a vitoria incuestionable do PP en Andalucía coloca o partido en posición favorable para conseguir ser o primeiro nas próximas eleccións xerais; pero o que non parece extrapolable é que logre a maioría absoluta, precisamente porque España non é Andalucía. Isto implicaría que, gañando as eleccións, non podería gobernar, salvo co apoio e participación dos neofascistas, se lle desen os números.

Outra evidencia das eleccións andaluzas é o claro retroceso das esquerdas. De todas as esquerdas. Perde poder e representación o PSOE e, aínda que España non sexa Andalucía, queda de manifesto que está en perigo a posibilidade de que os socialistas sexan o primeiro partido de España en 2023. Como tamén é posible, e ata probable se non reaccionan ben e en tempo, que os partidos á esquerda do PSOE perdan peso e representación de forma moi notable e decisiva. A lección andaluza para estes partidos é que os reinos de taifas non “suman”, mais tampouco o fan as coalicións mal amañadas e de última hora.

O goberno de coalición e os partidos coligados ou que o apoian deben aprender que facer concesións ás posicións neoliberais ou reaccionarias de nada lles serve. O que si os fortalece é o cumprimento rigoroso, sen trampa nin cartón, do programa co que se comprometeron, a implicación a fondo cos intereses xerais da cidadanía, coller polos cornos o touro do control e fiscalidade das grandes fortunas e dos beneficios excesivos, ou a defensa ilimitada da igualdade, dos dereitos e dos servizos públicos. Velaí as políticas que sempre dan bo resultado porque, aínda no peor dos casos, fortalécese a cidadanía, apuntálase a democracia e lógrase a irreversibilidade de moitas das conquistas conseguidas.

Como tamén deben aprender as formacións da esquerda a exercer o que Errejón denominou “competencia virtuosa”, para que os debates e diferenzas lexítimas non se convertan en leas estériles, que lle minguan eficacia e eficiencia ás esquerdas e son sempre preas para os voitres mediáticos do momento.

O resultado en Andalucía outórgalle especial valor e importancia ás eleccións municipais e autonómicas previstas para maio do ano que vén e, outrosí digo, se Feijóo non consegue gañar as próximas eleccións xerais e alcanzar o Goberno de España, que se despida Ayuso, porque o que se albisca é un claro “Bonilla a la vista”…, que o persoal xa sabe onde se fan os mellores churros e se frixen as mellores patacas.