O PP de Castela e León «salvou os mobles» porque Mañueco pasou de Casado e decidiu gardalos nun rocho que lle ofertou Díaz Ayuso. O malo é que deste rocho madrileño son copropietarios Ayuso e Abascal. Recuperar agora os mobles está saíndo moi moi caro. Un prezo excesivo, enorme, que está a pagar xa toda a cidadanía española, non só a de Castela e León.

Tras a vitoria, un tanto pírrica, do PP, os donos do rocho pasan factura e estala unha guerra cainita entre felóns e corruptos. Na realidade, nos dous bandos é habitual a felonía e moeda de cambio, a corrupción, que agora utilizan, coram populo, como casus belli.

Só hai un camiño: unha refundación que acolla os demócratas, hoxe politicamente orfos

O caso é que o partido, nado para representar as posicións conservadoras, democristiás ou liberais, pero plenamente democráticas, cae nunha profunda crise. Crise provocada pola corrupción estrutural da organización, pola estratexia errática e desnortada de Casado, polo evidente asedio da extrema dereita de Vox e polo trumpismo de Ayuso, que se fai máis forte ca Casado debido ao poder institucional que ostenta nese Madrid «que es España».

No medio da gran lea, emerxen os vellos baróns, comandados por Feijóo. Presinten, alarmados, que pode estoupar o vello PP, instrumento que lles foi tan útil para moverse confortablemente nunha «felonía controlada» e «nunha corrupción sostible» e que tantos beneficios lles rendeu. Tratarían, pois, de reconducir o partido ao que antes era e que o mesmo Feijóo cualifica de «partido da alternancia», cunha evidente morriña do bipartidismo.

«Tarde piaches», estaralle borboriñando a crúa realidade a Feijóo e á súa garda pretoriana: xa non é viable volver ao vello PP que Fraga entregou a Aznar «sin tutelas ni tutías»; nin ao que Aznar entregou ao neoliberalismo a golpe de pelotazos e burbullas; nin ao que Rajoy deixou podrecer na corrupción. Tentalo só serve, quéirase ou non, para lle franquear á extrema dereita neofranquista o acceso ás institucións e ao poder.

Só hai un camiño: a refundación ou fundación dun novo partido de centrodereita que acolla os demócratas, hoxe politicamente orfos. Será difícil e complexo, pero é a única posibilidade, ética e democraticamente aceptable. A esquerda podería acompañar e facilitar este difícil proceso desenvolvendo as políticas que predica e, por exemplo, pactando a súa abstención en Castela e León.

Se isto non se aborda, non é por razóns políticas, técnicas ou democráticas, senón por posicións partidistas e sectarias; non é polo interese e o ben xeral, senón pola utilidade e rendibilidade privada, de grupo ou de clase. Semella que isto nin sequera se pode soñar e, só dicilo, é síntoma dunha inxenuidade patolóxica. Pero, con todo, decidinme a escribilo porque soñei que, con ela de ganchete, apegadiña á miña orella, íame dicindo a entrañable Elena Poniatowska: «Me enorgullece caminar al lado de los ilusos, de los destartalados, de los candorosos». E a min, ir canda a Poniatowska, préstame.