Mestre, apréndenos a rezar
Sinto, xa desde hai moito tempo, como a oración, a pregaria, cada vez xoga un papel menos importante, ou mellor dito, cada vez está menos presente nos ámbitos onde me movo. Si, pode ser a miña miopía coma observador, extrapolar o que eu creo ver ou vivir coma a xeralidade, mais vexo como este século XXI que nos tocou vivir, o que “era místico ou non era”, o rezo fica coma algo do pasado.
Unha busca sorprendente
Mentiría se non dixese que coñezo xente cunha fonda inquedanza de espiritualidade, mais que está na busca noutras tradicións diferentes, especialmente aquelas que veñen de relixións de oriente. Hainos que mudan para se converter budistas, hainos que simplemente adoptan prácticas da súa meditación, coma o zen, ou mesmo o ioga, para dar un cauce de saída, un novo xeito de vivir a súa espiritualidade. Quen non sabe de alguén que foi vivir unha experiencia, un retiro a unha destas comunidades? Quen non observou como algúns grupos cristiáns recuperan o sentido do silencio ou da postura corporal nas súas prácticas meditativas?
O Evanxeo é para os sinxelos. Tamén a oración
Buscade en internet e atoparedades centos, senón miles de referencias sobre o Noso Pai. Éche un bo paradoxo: algunhas das explicacións son tan “sesudas” que son ben difíciles de entender, mentres que a mensaxe de Xesús era para a xente humilde.
En 56 palabras condensa toda a súa mensaxe. 256 caracteres (en galego) que son un resumo da súa Boa Nova e da súa relación con Deus, que debe ser a nosa. Sabémolo porque aparece en dous dos evanxeos, o de Mateo e o de Lucas, onde responde, cunha ensinanza ben curta, cando as/os seguidoras lle piden que explique como han de rezar. Isto da relación con Deus, co seu Abbá, vai alén das palabras, ou como dicía Thomas Merton, alén tamén da propia mente: unha boa oración meditativa é a conversa do noso enteiro ser con Deus.
Un verán por diante
Nunca houbo mellor tempo que este para vivir a oración de Xesús. Podemos facelo coma os doutores de Roma, repensando se só vale a oración vocal ou en silencio, se literal ou modificada, se de petición ou de graza, etc. Ou podemos practicala, como cada un quixer, buscando coma Xesús chegar a ser un con Deus.
Nun momento onde o individualismo reina na nosa economía e sociedade, onde a distancia social imponse na nosa linguaxe e nas rúas (ou así debería) polo temor aos rebrotes do Coronavirus, unha oración que comeza cun “noso” Pai e non cun “meu” preséntase case coma unha revolucionaria aposta por vivir a nosa relación con Deus, mesmo dende a intimidade do noso cuarto, cun compromiso de comunidade.
Podemos confrontarnos con outras tradicións relixiosas, pórlle portas ao campo, facer apoloxía do noso, ou pechármonos no noso cuarto (ninguén dixo que ía ser doado, e máis despois de tres meses confinados) e rezar a Deus que está en segredo. E sen sabelo, ou sen pretendelo, haberá quen entenda que estás na mesma verdade que o camiño da iluminación.