Chega o mes de marzo, e o día 7 diante das catedrais de moitas cidades españolas, haberá concentracións e celebracións da Revolta de Mulleres na Igrexa baixo o lema “ata que a igualdade sexa costume”. En Galicia tamén.
É por isto que esta Boa Nova tráenos un feixe de mulleres portadoras de xustiza e igualdade. Achegádevos a elas sen prexuízos, e deixádevos levar polas súas vidas e as súas loitas.
María de Magdala, (s. I), primeira testemuña e protagonista indiscutible dos relatos de Resurrección, fonte da autoridade apostólica, base firme sobre a que se ergue a comunidade dos que cren que Xesús é o Señor, argumento da autoridade e igualdade das mulleres.
Macrina (324-379), mestra de teólogos e iniciadora da monástica feminina na Capadocia. A súa fondura e espiritualidade deixou pegada nos seus irmáns, Basilio de Cesarea e Gregorio de Nisa. É por Gregorio que coñecemos a experiencia vital de Macrina.
Exeria (s. IV), peregrina a Terra Santa e recolle por escrito as súas investigacións nun Itinerario dedicado a un grupo de mulleres que a animan e alentan, e coas que preparou a viaxe antes de partir. Por Exeria sabemos do culto na Gallaecia a Tomé, Tegra ou Eufemia, de como se organiza a monástica en Oriente ou como eran as celebracións nas primeiras igrexas de Xerusalén.
Hildegarda de Bingen (1098-1179), abadesa bieita nas beiras do Rin, doutora da Igrexa. Muller sabia que deixou tratados de medicina, botánica, filosofía, teoloxía, cantidade de pezas musicais,…. Hildegarda séntese investida dunha misión profética que a leva a predicar a conversión e a reforma dos costumes polas aldeas. As súas visións místicas, moi corpóreas, influirán na mística posterior.
Margarita Porete (1250-1310), beguina de escritos místicos soberbios, queimada na fogueira por herexe en París. A súa obra O espello das almas Simples e aniquiladas, é obra indispensable da mística medieval. Por dúas veces a Inquisición quixo facer desaparecer este libro, que pervive na clandestinidade.
Sor Xoana Inés da Cruz (1648-1695), mística e poeta mexicana, aguda pensadora, de mente rápida e pluma áxil, que nos deixa poemas que son auténticos alegatos contra a demonización das mulleres.
M. Antonia Pereira de Andrade (Cuntis 1700-Santiago 1760), a monxa do penedo, escritora e mística, eremita en Cuntis e fundadora do Convento do Carme de Compostela.
Elisabeth Cady Stanton (1815-1902), muller sufraxista que forma un grupo de estudo que atopa na Biblia argumentos a prol da igualdade e os dereitos das mulleres. Publicaron a Biblia das mulleres, (1895 e 1898), o inicio da actual teoloxía feminista.
Edith Stein (1891-1942), primeira muller doutora en filosofía, relegada da cátedra polo feito de ser muller. Descubre a Tareixa de Xesús e nela atopa o cerne da súa existencia: abandona a universidade e profesa como carmelita dedicándose á teoloxía.
Simone Weil (1909-1943), filósofa compañeira de Simone de Beauvoir na Sorbona. Abandona a universidade polo mundo obreiro deixando escritos filosóficos, políticos e místicos de grande radicalidade e contundencia.
….ata que a igualdade sexa costume!!