Quero xa concluír, finalmente, indicando que a longa ocultación de acontecementos coma os aquí comentados non son nada san, xusto nin digno. Nin para os individuos nin para a sociedade na que se vive. Tampouco o poden ser para a Igrexa coa que tales acontecementos están de feito estreitamente relacionados. Polo menos nos tempos de hoxe e a teor do que o actual pontífice Francisco ten indicado pola súa parte no seu recente escrito “Fratelli tutti”, comentando ben claramente nel que “endexamais se avanza sen memoria” e que “necesitamos manter viva a chama da conciencia colectiva, testemuñando ás xeracións vindeiras o horror do ocorrido”.
Manuel Cabada Castro. Sobre un crego dos anos trinta que semella ter optado polo lobo, non polas ovellas.
A Igrexa investigará episodios de abusos até en tres colexios de Vigo; o caso dos maristas de Galicia esténdese a outros nove relixiosos investigados en catro colexios; a inpsectoría salesiana pide perdón ás vitimas; cando menos 216.000 casos de pederastia na Igrexa francesa, segundo unha comisión indepedente; o papa Benedicto XVI non actou en catro casos de abussos sexuais, segundo un informe da Igrexa alemana. Non é de raro que titulares coma estes abran informativos e xornais cada día.
A realidade dos abusos sexuais dentro da nosa Igrexa non ocupou un espazo nesta Boa Nova. Mais o artigo de Manuel Cabada, que citamos arriba, amósanos como podemos abordalo desde a honestidade intelectual e desde a mensaxe de Xesús. E o autor non escribe sobre o tema que nos ocupa, senón sobre o papel que xogou o crego Petronilo Nieto, a institución á que pertencía, o Colexio Apóstolo Santiago de Vigo e os xesuítas en xeral, no golpe de estado de 1936 e na represión que se viviu posteriormente en Galiza, e mais en concreto na Illa de San Simón. Non é o que senón é desde onte: un xesuíta escribindo sobre unha realidade que a súa propia orde quixo silenciar.
Xustiza, memoria e perdón
Non é unha cuestión de xuízos. Non vai sobre “o outro”, sobre sinalar co dedo os culpables. Mais é unha realidade que non debemos ocultala, silenciala, ou facer como que nada aconteceu. Estamos na obriga de sacalo á luz, para sermos responsables, primeiramente coas vítimas, e co mundo, coa sociedade en que vivimos e a que queremos construír. Temos que ter coidado cos discursos que intentan xustificar os abusos (eran outros tempos), minimizalos (só son 220 casos en España) ou relativizalos (son abusos de baixa intensidade, non son tan graves, etc.). Debemos ser claros con quen reivindican unha actitude de perdón, entendendo este como un “pasar páxina”, non remover o pasado, deixalo aí en silencio para curar as feridas: non hai perdón sen memoria, non hai xustiza sen verdade. O papa Francisco incidía sobre este tema en Fratelli Tutti (c. 250-254).
Ulo Espírito?
En novembro do ano pasado, o secretario da CE Española indicaba nunha rolda de prensa: «A pesar das nosas infidelidades, o Espírito Santo continúa a actuar». E acto seguido expuña o que ía promover a xerarquía española, que dista moito do que fixeron outras conferencias episcopais, coma a francesa, a alemá, a australiana ou a americana.
Que difícil parece todo? Non cremos que un bispo cuestione que o Espiríto está a actuar, algo que pensa calquera persoa de fe. Mais, que pasa co que nós facemos? Non estaremos a utilizar o Espírito como unha escusa para xustificar a nosa falta de acción?
Precisamos do Espírito, precisamos ser máis humanos para responder e acolller ás vítimas. Precisamos do Espírito para actuar con decisión contra os abusadores. E precisamos do Espírito para propor e afrontar os inevitables cambios que hai que dar na Igrexa-institución e nas institucións da Igrexa que deron acubillo, toleraron, encubriron e silenciaron os abusos sexuais que se deron e ás persoas que os cometeron. Non son simplemente condutas individuais condenables. É a propia Igrexa, institución xerárquica, pechada, heteropatriarcal, a que é está en xogo. Mudou algo para que isto non se repita? De verdade? Para isto precisamos máis que un sínodo. E o Espírito, xa que sen Espírito non hai Igrexa.
http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=5846&seccion=13