“Naquel tempo, o Espírito encamiñou a Xesús ao deserto. Alí permaneceu 40 días, alí o tentou Satanás: vivía entre as feras, e servíano os anxos. Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea e anunciaba a Boa Nova: O tempo está cumprido e chega o Reino de Deus, convertédevos e crede na Boa Nova.”

O que embelece ao deserto é que nalgún lugar agacha un pozo (dise no “Principiño”). A coresma convócanos ao deserto, ese espazo onde nada nos distrae e temos que nos enfrontar con nós mesmos, coas feras que habitan no corazón: as cobizas, os medos, o egoísmo, o benestar, o consumo, os odios, envexas, indiferenzas… Precisamos ver, pero non abonda ter ollos abertos; para ver tamén precisamos luz. Que luz ilumina agora a miña vida?

Toda a nosa vida é un éxodo atravesando o deserto. Para camiñar hai que desprenderse, desasirse, de todo o que nos amarra incluso da nosa idea de Deus (Eckhart). “Se atopas ao Buda, mátao”, pois non é o Buda, di a tradición oriental. Hai que baleirar o templo, incluso de Deus (Agostiño). Camiñamos con demasiadas cousas na mochila, a maior parte inservibles e son as nosas resistencias ao Espírito que nos leva ao deserto. No cristianismo oriental había uns eremitas (hesicastas) que camiñaban todo o día en silencio, pola noite construían unha cabana para durmir e no amencer prendíanlle lume. Para non asentarse. Non teremos que queimar cada día tantas ideas, tantos soños, tantas seguridades e comodidades?

José Francisco e Laura son do Perú. Tiñan unha filla pequena con unha doenza mala. Alguén os animou a viaxar a España onde podían curar a nena. Venderon o pouco que tiñan e chegaron a Santiago. Foron atendidos excepcionalmente polo equipo médico, pero a meniña morreu. Os pais son cristiáns, pero conservan tradicións ancestrais. No rito de despedida teñen que queimar a roupa da meniña como un signo de liberación, de que xa nada a ata a este mundo. Acompáñoos no Mosteiro, prendemos lume e imos queimando cada prenda logo de bicala. Nese día había unha xuntanza de xentes alternativas, dos que van contracorrente e son malmirados polos correctos. Convidáronos a xantar e eles contaron que era a primeira vez que en España alguén os convidaba. Malviven nun cuarto alugado sen apenas axudas. A nai ofréceme nun sobre unhas lambetadas da súa terra como agradecemento. Entón todas as estruturas nas que habito perden sentido. Eles transmiten paz. Pasaron o deserto, venceron as feras e reciben alimento dos anxos. Tantos de nós, non damos apagado as fames…

Unha proposta

  • Deixa que o espírito te leve ao deserto, busca un día, unha tarde en soidade, en silencio.
  • Enfróntate ás feras, vence as resistencias, escríbeas nun papel e logo préndelle lume.
  • Des-vestida de todo, sabe que Deus te cubre coa calor do seu amor.
  • No teu interior di: Grazas e convértete (dálle a volta) e recorda que os místicos nadan contracorrente (Heidegger).
  • Escoita: Levareina ao deserto e falareille ao corazón (Oseas), non peches o teu ser ao Espírito.