Falamos con Marisa Vidal, que nos presenta unha iniciativa levada a cabo na parroquia dos Tilos (Ames) que mostra coma a imaxinación permite abrir novas vías nas celebracións para estes tempos de pandemia, e máis alá

Como xurdiu esta iniciativa? De onde partiu a idea?
Pois foi todo un pouco imprevisto… Na parroquia hai anos que temos un grupo de reflexión coordinado por 6 persoas. Coa alerta sanitaria tivemos que suspender encontros, misas e toda actividade parroquial. Alguén do grupo propuxo facer celebracións da palabra por Skype. Pero resultaba un pouco reducido porque: canta xente podería participar? E a quen convidas e a quen deixas fóra? Facermos un reduto para “uns poucos” non parecía moi cristián, e ocorréuseme o do grupo de whatsapp. Tiñamos as celebracións que preparaban na UPA de Os Cotos cada domingo, e con iso nos lanzamos a empezar. O sábado 21 de marzo creamos o grupo cunhas 70 persoas. A primeira celebración foi ao día seguinte. Agora somos máis de 120 porque o grupo foise enchendo sobre todo con xentes de fóra da parroquia e con veciñas na diáspora.

Por que optastes por facelo a través de whatsapp?
WA ten a posibilidade de formar un grupo sen límite de participantes, e é unha app moi coñecida e usada. Gústame fronte ao vídeo porque democratiza: a todos nos une a fe, aínda que nos separen outros moitos condicionantes sociais. Oramos sen saber se a outra persoa é alta ou baixa, moza ou vella, con estudos ou sen eles, rica ou pobre… todos somos iguais. Únenos a fe, e máis nada. Tamén WA ofrece a posibilidade de que todos teñamos voz e que ninguén se estenda moito nas intervencións. Cada persoa aporta dende a súa fe, porque a oración é unha experiencia interior. Non se trata de facer pensamento nin elaborar grandes discursos.

Ademais, co WA a celebración pode cambiar de ritmo: podes ila escoitando máis amodo se queres ir máis de vagar, e non é tan efémera, porque pódela repetir cando queiras: pararte máis no que máis te chame, remoer ao teu ritmo, volver sobre os audios e textos máis tarde,… ata te podes xuntar á mesma hora ou a outra, co grupo de persoas que queiras, e repetir a celebración: nunca vai ser a mesma porque a realidade oracional tamén é cambiante.

A medida que imos celebrando, igual que fan na UPA Os Cotos, ímolas colgando na web da parroquia, para quen queira tela en papel. (http://www.parroquiadostilos.org/)

Como vos organizastes? Que papel xogou o cura e a comunidade parroquial?
Todo xurdiu no grupo de reflexión… 6 persoas que xa tiñamos un grupo de WA. Cando abrollou a idea incluímos tamén ao párroco, que é un máis. Cada celebración preparámola entre todos. Ao primeiro seguiamos os materiais de Os Cotos, pero na Semana Santa, cando houbemos de preparar celebración de xoves, hora santa, venres, sábado e domingo acabamos buscando nós os materiais. O proceso é sinxelo: seguimos un esquema básico de celebración da palabra coas lecturas do día. Incorporamos oración variadas, de Manolo Regal, Joan Chittister, Etty Hillesum, Teilhard de Chardin, Thomas Merton,… Cada parte encargámoslla ás diferentes persoas que participan, que nos envían notas de voz que logo organizamos e imos subindo ao grupo aos poucos no momento da celebración. Tamén Adrián, o director do coro parroquial, fai audios coas cancións xa coñecidas e que compaxinamos con outras novas en vídeo do blog xanostesaqui, que nos fornece de cantos en galego, e tamén de Xaquín, Salomé Arricibita, Luis Guitarra, Ain Karem, Xaquín, Taizé,… É importante que teñan a letra escrita para que a xente as poida rezar cantando.

O grupo de WA é so para a celebración. Ao primeiro custou que a xente se decatara da importancia de preservar o espazo e non colgar cousas alleas á celebración, pero en pouco tempo conseguimos que o grupo sexa respectado por todos.

O aspecto celebrativo está moi coidado. Nos textos e cantos que eliximos, si, pero tamén no mimo con que nas casas preparan a mesa para a celebración e a espectación con que a esperan. Cada día tentamos buscar un xesto que nos faga tomar consciencia do que celebramos. O domingo pasado por exemplo, pedimos que se puxera a mesa ao lado dunha ventá aberta para que os sons da natureza celebraran con nós, pois o tema foi a Terra. As oracións do Papa Francisco e Teilhard de Chardin fixeron o resto.

Tamén me parece moi importante o feito de celebrar nas casas, en familia. Confinados, pero non separados, dándolle todo o sentido de comunidade ao partir e repartir un anaco de pan, un pouco de viño. E ninguén celebra só, porque sabe que ao outro lado do teléfono hai moita xente facendo os xestos e escoitando o mesmo que el escoita. Agora, na Pascua, lendo os feitos dos apóstolos e as cartas de Paulo, todo cobra moito máis sentido: aquelas primeiras comunidades eran o que nós: xente nas casas compartindo e celebrando a resurrección de Xesús. Nin máis nin menos!

Que podemos sacar de positivo para unha organización parroquial?
Isto é chegar a todas partes, porque todo o mundo ten un teléfono. Agora estamos confinados, pero cando non o esteamos poderémonos xuntar sen necesidade de ir a un espazo físico todos á vez. De feito se algunha continuidade puidera ter isto sería esa: quedar por Whatsaap para rezar. Soa moi friki, pero é moi real.

Co liadas e dispersas que andamos todas as persoas, este sería un bo xeito de encontro. Tamén é unha maneira de recobrar a celebración nas casas, de potenciar outros xeitos celebrativos que non sexan a misa. Agora co Coronavirus vimos como, ao pecharse as igrexas, de repente os nosos hábitos de oración tiveron que cambiar. Dámoslle moita importancia á celebración eucarística, que por veces parece que é o único sacramento, pero iso fainos depender dun templo, dun sacerdote, dun ritual,… e non exploramos outras formas de oración e celebración. Este é un problema que ten que ver tamén coa clericalización: non podemos depender dun cura para poder rezar e celebrar en comunidade! A misa está ben, pero non ten porque ser a única maneira. Sempre houbo oración nas igrexas distinta da celebración eucarística. En Corme as mulleres abren a igrexa para ir rezar o rosario… iso é o único que podemos facer sen un crego? Creo que non: fai falla reinventarnos como segrares, explorar formas novas de ser crentes orantes. A min, persoalmente, axúdame moito todo o que de espiritualidade e celebracións aprendín coas Mulleres Cristiás Galegas Exeria.

Pódennos dicir: “esa celebración non é válida como sacramento”. Creo que na Igrexa hai que falar moito sobre liturxia e sacramentalidade, hoxe demasiado clericalizada e ríxida. Santo Agostiño, por exemplo, tiña un concepto de sacramentalidade moito máis amplo e xeneroso que o actual… pero ese non é o noso tema. Para facer unha celebración de fe non fai falla ningún diploma de validez. Con isto penso tamén na nosa Romaxe: cantos debates e desgustos tivemos entre nós por entender a sacramentalidade dunha maneira tan estreita e clerical! Creo que é chegado o tempo de liberarnos da clericalidade e vivir e celebrar a nosa fe con máis liberdade. … E con fondura e dignidade, por suposto, que unha cousa non está reñida coa outra.

Boa nova. Entrevista - Celebramos nos Tilos

Como se pode manter a comunicación parroquial?
A parroquia eu creo que se está fortalecendo. Oes ler a xente que nunca subiu ao ambón: nenos e nenas que na misa non se atreven aquí, apoiados polas súas nais e pais, lánzanse a ler. Tamén hai xente moza, á que lle costa atopar un grupo de referencia, e que participa e comparte con nós a súa experiencia orante. E xente maior, que ás veces ten dificultades no manexo do teléfono pero persevera…

Todos nos sentimos parte de algo. Non sei se chamarlle parroquia porque ese nome ten unhas connotacións territoriais que aquí para nada se teñen en conta. Este proxecto rompe os marcos do parroquial, convértea nunha realidade non territorial. Para a pastoral isto é unha revolución, un cambio a explorar. Recórdame un pouco a Partenia, a diocese sen territorio de Mons. Gaillot… Creo que este pode ser un camiño de futuro para a Igrexa. Católico significa universal, así que este xeito ten moito de católico. Fíxate que participan nas celebracións cristiáns dende Turquía e Arxentina! E de Madrid, Lugo, Vigo, Redondela, Ourense, Ferrol, A Coruña,…

Unhas dos aspectos que se resaltan, é que é unha iniciativa que supera o marco físico parroquial? Como foi á apertura a esta nova xente?
A apertura foi total e desde o principio. No grupo que iniciou este proxecto hai xente que estamos en diferentes proxectos: na Escola de Espiritualidade, en Mulleres Cristiás Galegas Exeria, en grupos de teoloxía, de acompañamento, Cáritas,… así que en canto empezamos a contalo a xente empezouse apuntar. Por WA non sabes quen é de aquí e quen de fóra… non hai fóra nin dentro: todos somos de aquí, de dentro!

Sempre pedimos á xente que se quere aportar algo que se poña en contacto cos administradores do grupo, e algunha proposta vai chegando. De feito o grupo da HOAC de Lugo aportounos material e suxeriu que a celebración do próximo domingo xire arredor do mundo do traballo, e así será. A pluralidade enriquece!

Outro aspecto moi importante a sinalar é a posta pola nosa terra, por Galicia e o galego. Aínda que collamos textos dun lado ou outro, non so os traducimos, senón que os adaptamos e encarnamos no que estamos a vivir na nosa terra. As primeiras celebracións estaban moi marcadas polo confinamento, o coronavirus, as soidades,… a Semana Santa reforzaba tamén todo iso, ero a Pascua fixo que nos fóramos abrindo á esperanza desde a nosa terra galega. Todo fai referencia ao noso, á nosa lingua e cultura. Axúdanos moito o blog xanostesaqui, que ofrece moitas cancións en galego. Tamén Xaquín mandou cancións súas en galego, aínda que nos discos canta en castelán. Temos que recobrar e dar vida ao uso do galego nas nosas celebracións, non só por unha cuestión idiomática. O Papa Francisco é ben claro na opción por encarnar a fe no que somos e vivimos.

Cales foron os principais problemas que atopastes?
Pois non moitos, a verdade. No grupo organizador debatemos pouco e as nosas discusións eran sobre todo ao primeiro, cando ensaiabamos que forma darlle. Temos os rituais, que por un lado axudan , pero tamén encorsetan… Nós buscamos ter unha palabra diferente (sen menosprezar para nada as oracións xa coñecidas), unha expresión clara e aberta, que cambie cada día para achegarnos a persoas que rezan e rezaron de modo particular e fondo e que non están nos rituais.

Tampouco cremos que este sexa un modo de oración perfecto. É o que estamos poñendo en práctica e nos está funcionando. A quen lle poda servir pois louvado sexa Deus, e a quen non… pois que cree outro novo e diferente, ou que siga co que xa coñece. As persoas somos diversas: non ten porque gustarnos a todas o mesmo.

Que aprendestes desta experiencia?
Eu penso que nos dou moito emporedamento ao grupo organizador, como segrares organizados que se atreven a preparar oracións desde outras claves.

Aprendemos a usar as nosas casas como lugares de culto. Creo que é un paso revolucionario, unha volta ás orixes. É posible unha igrexa así, na que nos xuntemos nas nosas casas, cos nosos veciños, para partir o pan en sintonía. E aínda que todo acabe cando marche o virus, teremos vivido unha experiencia de fe renovadora, que nos achegou a aquelas primeiras comunidades que, cos seus atrancos e dificultades, encarnaron o evanxeo nas mesas dos seus fogares.

Que ideas se poden sacar para o futuro?
Outra cuestión será que vai pasar no futuro… cando o confinamento remate, a xente seguirá querendo celebrar así ou volveremos ao de sempre? Creo que non pola propia identidade do grupo. Os que estamos física e psicoloxicamente cerca da parroquia igual podemos repetir estas xuntanzas nos locais parroquiais, pero que vai pasar co resto? Neste grupo hai persoas que están afastada das celebracións dominicais, e outras que buscan afondar na espiritualidade e non teñen unha comunidade de referencia para o facer. Que vai pasar con elas? Van facer coma se nada tivera pasado? Quero pensar que non, e por iso creo que de todo isto algo pode quedar. Sería ben rico que a xente se decatara da necesidade de facer oración e que as distancias non foran un atranco porque sabemos aproveitar as tecnoloxías para facer comunidade.

Galería de imaxes