Escribo isto recén chegada do primeiro encontro que a Revolta de Mulleres na Igrexa acaba de ter en Madrid, este sábado 27 de novembro. Xuntámonos 50 mulleres en representación de 15 cidades do estado nas que a revolta segue en pé. O encontro, amais de servir para coñecernos e reforzarnos de cara á celebración do próximo 8M, tamén axudou a presentar e artellar a nosa participación no próximo Sínodo de Mulleres, un Sínodo convocado pola CWC (Catholic Women’s Council, www.catholicwomenscouncil.org) no ano 2019, pero que se viu detido pola pandemia.

Retomamos traballos a nivel internacional organizadas en 7 grupos por afinidades territoriais e fala (inglés, hispano, francés, alemán, africano e indio), artellando cinco eixos de traballo:

  1. Situación da muller na Igrexa,
  2. Poder, participación e representación,
  3. Estrutura, transparencia e rendición de contas,
  4. Vida sacramental
  5. Resistencia e esperanzas.

Iníciase agora en decembro, cunha enquisa na que diagnosticar a situación das mulleres na Igrexa respecto deses cinco puntos. A partir dela traballaranse en grupos os diferentes eixos, seguindo este método de traballo:

  1. Marco referencial: contexto actual e situación das mulleres en cada un dos eixos.
  2. A nosa experiencia: marco referencial que recollerá as vivencias de todas e cada unha
  3. Sospeitamos: fundamentación teolóxica coa que cuestionar e reflexionar sobre a nosa situación actual.
  4. Recreamos: elaboración de propostas concretas para cada eixo, dende a nosa sabedoría e creatividade.

En xaneiro presentaranse os resultados da enquisa e empezarán os traballos nos grupos en sesións que se inician en febreiro e seguirán ata xuño. As conclusións, que serán recollidas e elaboradas nas diferentes zonas, presentaranse de xeito global, en sesións virtuais, co seguinte calendario:

8 marzo
Situación da muller na Igrexa
4-8 abril
Poder, participación e representación
2-6 maio
Estrutura, transparencia e rendición de contas
6-10 xuño
Vida sacramental
4-8 xullo
Resistencia e esperanza

En setembro presentarase o Instrumentum Laboris que se levará á sesión plenaria que terá lugar en Roma, en encontro presencial e virtual, a primeiros de outubro.

O plan de traballo é intenso. Vén premido pola pandemia, que atrasou o inicio, e polo Sínodo da sinodalidade que se vai celebrar en Roma e no que queremos presentar as conclusións do Sínodo de Mulleres.

Mulleres Cristiás Galegas Exeria chama á participación activa de todas as mulleres neste trabalo sinodal

As Mulleres Cristiás Galegas Exeria imos empezar imos empezar este traballo sinodal deseñando un calendario de traballo que queremos facer aberto a todas as mulleres que poidan estar interesadas en revisar a súa situación na Igrexa e elaborar propostas que fagan posible o cambio que queremos ver. Se estás interesada en participar, ponte en contacto con nós en mcgexeria@gmail.com ou falando con calquera de nós.

Como ben dicimos na Revolta, queremos facer oír a nosa voz para que a xustiza, a igualdade e o coidado da casa común sexan costume na Igrexa!