Causas que pagan a pena,
causas para cada día.
Para vivir vida plena,
para andarmos a utopía.

catholicne

©Foto: Fonte: catholicnewsagency.com

  1. Coidar e acompañar as persoas, a familia, as amizades pero tamén a outras que pasan máis desapercibidas e non teñen quen mire por elas ou que están máis lonxe.
  2. Descubrir e vivir a experiencia da comunidade, de compartir, de buscar o ben común, de saber pedir perdón e perdoar.
  3. Coidar a natureza, á nai Terra, ao planeta que nos acolle e no que vivimos.
  4. Pensar criticamente, analizar a realidade indo máis alá dos discursos únicos e dominantes.
  5. Defender e apostar pola cultura galega, pola nosa forma de ser desde este curruncho do mundo.
  6. Rebelarnos, denunciar e implicarnos na loita pola defensa dos dereitos humanos e contra as inxustizas de todo tipo (violencia machista, situación das persoas inmigrantes e refuxiadas, desmantelamento dos servizos públicos, guerras…).
  7. Pensar en positivo, soñar con que outro mundo mellor é posible e que co noso traballo e co de tanta boa xente como hai, podemos ilo transformando.
  8. Vivir unha espiritualidade liberadora que nos fai descubrir a Deus en cada irmá e irmán.
  9. Loitar por unha fraternidade/sororidade universal que nos permitan vivir en paz.
  10. E no fondo, como orixe e principio de todo, seguir os pasos de Xesús, do galileo que defendeu sempre a causa dos sen causa…

1- O pasado mes de decembro reunímonos de novo o Espazo de Encontro de Crentes Galeg@s, como cada final de ano, para botar a vista atrás, facer balance do vivido e seguir cara adiante mantendo a esperanza con azos renovados. Desta volta estivemos reflexionando sobre cales son aquelas causas que deron e seguen a dar sentido ás nosas vidas. Froito desa reflexión/celebración, saíron algunhas conclusións que agora compartimos convosco a modo de “decálogo vital”. Estas son algunhas das causas que dan sentido ás nosas vidas. Seguramente compartiredes unhas, probablemente teredes outras. Pero oxalá que no novo ano que comeza sigamos atopando causas polas que loitar, como di o poema de Deme Orte que encabeza esta páxina.