A unión definitiva co amor que é Deus non foi para Xesús o resultado da súa execución. Non foi esta a que lle deu a plenitude do seu ser, senón a súa decisión de levar ao seu pobo a boa noticia de que Deus é amor, aínda que lle custase a vida. Foi, pois, o seu amor aos homes e mulleres o que lle fixo chegar á súa plenitude. Non é pola crueldade dos seus inimigos que chegou á unión co amor orixinal, nin pola súa morte en si, senón só polo seu propio desinterese e entrega á súa misión. Pois non é a morte, senón a medida do seu amor a que o une con Deus.
En que se apoia entón a nosa fe na resurrección?
No noso propio ‘ver’ ao Xesús que vive. Este ‘ver’ é froito do anuncio. Pódese ler a historia dos de Emaús como unha parábola deste proceso. O estranxeiro que leva aos dous discípulos a esa gozosa toma de conciencia de que Xesús vive, é o que anuncia a fe. El é quen os ilumina e lles abre os ollos dunha visión interior, nunha experiencia de plenitude e sentido que comparten os que se volven ao vivente Xesús e o seguen. Ningún razoamento é comparable con esta experiencia de vida e plenitude.”