Infórmanos a organización de “Acampa pola Paz e o dereito ao refuxio” das candidaturas para o recoñecemento público na edición deste ano. Difundimos aquí esta selección de historias de vida a prol da paz, dos dereitos das persoas e da protección global dos máis vulnerables. Estas son as nominacións sobre as que agora os integrantes da Rede Acampa poderán votar

No eido internacional

Salvamento Marítimo Humanitario

Salvamento Marítimo Humanitario, a ONG vasca que co barco de salvamento Aita Mari salva vidas no Mediterráneo Central. Non é unha historia épica de superhomes/mulleres. É unha historia de xente corrente disposta a facer o que os Estados non fan. É unha historia de non deixar morrer a ninguén na mar.

Pepe Mujica, presidente de Uruguai entre 2010 e 2015, cun pasado guerrilleiro que o levou ao cárcere por máis de quince anos. A súa voz é inquebrantable na defensa dos pobres, os esquecidos e os invisibles e moi crítica co consumismo e o modelo de civilización que montamos. “Vivir con causa é a única forma de vivir”, mantén Pepe Mujica.

Pepe Mujica
Médicos sen Fronteiras

Médicos sen Fronteiras, ONG que desde hai máis de corenta anos leva atención médico-humanitaria a millóns de persoas naquelas partes do mundo que sofren os efectos das guerras, da violencia, dos desastres naturais…, da crise climática extrema…

Save the Children, ONG que desde hai máis de cen anos traballa en distintas partes do mundo para protexer a infancia, actuando en emerxencias humanitarias e procurando refuxio, hixiene, alimentación, cobertura médica, protección e educación.

Save the Children
Comisión de Cascos Brancos

Comisión de Cascos Brancos, dependente do Ministerio de Relacións Exteriores arxentino, dedícase desde 1994 á asistencia humanitaria internacional, desenvolvendo proxectos de cooperación multilateral e dando resposta inmediata ante desastres naturais, en coordinación co Programa de Voluntarios da ONU.

Pinar Selek, socióloga e escritora turca convertida no símbolo da resistencia e da defensa dos Dereitos Humanos no seu país. Unha das activistas referente en materia de feminismo, antimilitarismo e convivencia entre culturas.

Pinar Selek

No eido galego

Rafael Pillado Lista

Rafael Pillado Lista, pola súa incansable loita polos dereitos sociais e políticos da clase traballadora. Cofundador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, da asociación cultural Fuco Buxán e da Asociación Galega de Vítimas do Amianto (AGAVIDA). Tamén participou na fundación de CCOO e do PCG.

Manuel Monge, sociólogo, docente e escritor. Polo seu compromiso na defensa dos Dereitos Humanos, a súa entrega e militancia na defensa das causas xustas e pola súa loita pola recuperación da memoria histórica.

Manuel Monge
Alfonso Mascuñana Bordas

Alfonso Mascuñana Bordas, incansable activista. Cura obreiro no barrio coruñés de Palavea e profesor de filosofía. Voluntario en Nicaragua durante a revolución sandinista e defensor dos Dereitos Humanos en Honduras. Xa xubilado, foi voluntario á illa de Lesbos durante a crise do 2016.

“A Maristela” Asociación de mulleres no municipio de Sobrado dos Monxes, que actualmente conta con 400 mulleres doutros concellos limítrofes. A axuda e apoio aos refuxiados afgáns que chegaron recentemente a Sobrado dos Monxes fainas merecedoras do noso Recoñecemento. “A Maristela” proveulles de mobles, roupa, alimentos, equipamento da cocina, gastos de luz, desprazamentos…

A Maristela
Aga-Ucraína - Asociación Galega de Axuda a Ucraína

Aga-Ucraína” Asociación Galega de Axuda a Ucraína. Fundada fai un ano, tras a invasión rusa a Ucraína, traballan nas catro provincias galegas para atender as necesidades dos seus compatriotas refuxiados

Ibrahima Diack e Magatte Ndiyae, os defensores de Samuel Luiz.. Non debe caer no esquecemento nin o acontecido nin, tampouco, o reverso luminoso que tivo aquela traxedia tan escura, a exemplar intervención dos mozos de orixe senegalesa afincados na Coruña, naquel momento en situación irregular, tratando de protexer a Samuel.

Ibrahima Diack e Magatte Ndiyae
Francisco Cotelo

Francisco Cotelo, presidente de Manos Unidas en Galicia organización á que leva ligado máis de corenta anos e coa que traballou en Perú, India ou África.