Non falamos de moralina. Falamos da necesidade ética de vencer o desencanto. Porque o momento así o esixe. Porque nos xogamos algo máis grande ca a nosa frustración ou desilusión persoal.

Certamente, visto desde Galicia, mirando cara ás forzas e organizacións que se supón que apostan por que esta nacionalidade histórica sobreviva como país, cun enfoque de progreso social e de igualdade…, desde ese punto de vista, quizais nunca antes nunhas eleccións xerais houbo tanta desmotivación. E tradúcese nunha tentación de quedar na casa, como sinal de anoxo, de profunda decepción.

Xogámonos algo máis grande ca a nosa posible desilusión persoal

E non só pola experiencia destes anos, nos que non fomos quen de escoitar un discurso propio e distinto, coa suficiente elocuencia, frescura e preparación, que situase a Galicia no debate das Cortes Xerais, de maneira convincente, firme, crible. Tamén porque, finalmente, a axenda dos partidos estatais –lexítima, por suposto – foise impoñendo, como era previsible, nas chamadas confluencias, especialmente a medida en que se achegaba o momento de novas eleccións e había que asegurar posición de saída nas listas. As confluencias deixaron de confluír e, para a “xente do común”, os “relatos” diverxentes resultaron incomprensibles e mareantes. Ninguén, fóra dos reducidos círculos de informados, entende nada, mentres o país perde peso político, músculo demográfico e futuro de seu.

E motivos hai: U-las propostas concretas e consistentes desde Galicia sobre enerxía, vivenda, envellecemento, trasporte público interior, exclusión territorial…, sobre a xestión en positivo desa riqueza que é a diversidade linguística e o uso normalizado do galego… ou sobre os problemas específicos dos nosos sectores produtivos?

O caso é que hai preto de 400 000 votos, que non é pouco, que nos últimos procesos electorais apostaron por organizacións nacionalistas e de esquerda galeguista. Cal é exactamente o número deses votantes que están agora invadidos polo desconcerto e o cabreo, non o sabemos, pero desde logo, no boca a boca, semella que nunca foi tan grande a porción dese electorado tentada a prestar o seu voto a quen sexa, con tal de que sirva para o que se considera causa xusta e mal menor, e que pode servir de elemento para motivar o voto aquí e agora: frear a ultradereita, impedir que os nostálxicos do franquismo condicionen un tripartito estatal de dereitas que varra cos logros –pequenos ou non tan pequenos, pero logros– destes corenta anos de mellorable democracia.

Certamente, é un problema europeo e global e non é o mellor momento para baixar os brazos.