De todas é coñecida Exeria, a peregrina galega que viaxou a Terra Santa entre os anos 382 e 385 e escribiu un Itinerario da súa viaxe, pero pouco se fala das amigas de Exeria: as mulleres que a alentan na distancia, as “donas e irmás” ás que Exeria dedica o seu escrito.

Invocar as súas amigas fai que Exeria non perda a forza e a ilusión. Séntese arroupada por elas.

Non sabemos cantas eran, pero si que preparan a viaxe con ela, dirixíndoa aos lugares que coñecían das súas lecturas: as Sagradas Escrituras, as Actas de Santa Tegra, o Evanxeo de Tomé, algunhas actas de mártires, as cartas de Abgar a Xesús… Por iso Exeria busca a Estela da muller de Lot, as tumbas de Tomé, Xoán, Eufemia, Elpidio ou Tegra… A súa insistencia por ver e describir lugares concretos converte a súa viaxe non só nunha peregrinación, senón nun proxecto de investigación colectiva.

Exeria ten un percorrido trazado, feito coas compañeiras antes de saír, e recolle con esmero todo o que para elas poida resultar interesante. Detense de xeito especial en Xerusalén, onde para case un ano recollendo para as súas amigas os oficios litúrxicos das acabadas de construír Anastase e Igrexa Maior (“Para que a vosa caridade saiba que oficios litúrxicos teñen lugar cada día nos Santos Lugares, debo darvos información porque sei que teredes moito gusto en coñecelos”).

É curioso como presenta as súas amigas á “santa e diaconisa Marthana”, muller que atopa na viaxe e que rexenta unha comunidade de mulleres (apotactitas) en Xerusalén, pero non recolle o nome do bispo da cidade, que lle describe as celebracións… Será que para Exeria a amizade é un valor máis importante que o cargo.

Invocar as súas amigas fai que Exeria non perda a forza e a ilusión. Séntese arroupada por elas. Vese moito amor e coidado sostendo esta viaxeira, que se move con humildade e habilidade por terras descoñecidas. E tamén moito amor e coidado nas descricións que fai Exeria para elas. Sen as súas amigas, Exeria non podería existir.

Isto rompe o mito patriarcal e capitalista dos homes destemidos que se lanzan en solitario a aventuras e conquistas. Exeria e as súas amigas desmontan o individualismo: as persoas construímonos en comunidade, co apoio e o coidado das outras.