Xa levamos un mes do outono. Como fixo máis calor en outubro ca en xullo, aínda estivemos a gardar todo o do verán nos últimos días e… comprobamos se quedara ben enxoito porque co que choveu igual non enxugara ben. Ai!, como se perde ese verbo do noso léxico, mesmo nas persoas galegofalantes. Pois tiñamos que telo ben presente porque neste noso clima atlántico (mesmo co cambio climático que todos apreciamos), a humidade non nos deixa. Lembrade: enxugar, enxugar, enxugar!
É certo que depende de onde vivamos; así e todo, as catiúscas, o chuvasqueiro, o paraugas e mesmo un chapeu de auga temos que telo sempre á man, vai haber lugares onde usarán o chapeu para o sol… “Chapeu” se cadra non é palabra que empreguedes moi maioritariamente; é sinónimo de sombreiro e coincide co portugués. Sabemos que parte dos nosos lectores e lectoras, a esa prenda que poñen na cabeza, no verán para o sol, no inverno para a chuvia, lle han chamar pucho. Tamén ben dito, mais pucho é unha palabra que ten outro significado na banda da costa: alí é o fillo da vaca (cucho, becerro, xato… noutras bandas). E aínda o podemos complicar un pouco máis, pois se o pucho se emprega en feminino, é dicir, se falamos de “puchas” (fillas da vaca) e nos oen, por exemplo, nos arredores de Santiago, poden pensar que falamos da folla do piñeiro. Si, si, esa que ten centos de nomes por Galicia adiante. Se cadra a pucha é dos termos menos coñecidos para denominar o arume (como lle chamaba Pondal!), a agulla, bruma, frouma, garfa, faísca, lesta, padumeiro, pica, picaño, pilro, piñuca, pulazo, rama… E ollo!, que a rama, ademais de ser póla, tamén é o conxunto de pólas dunha árbores ou de varias. Por exemplo, podemos dicir que a Pepe lle cortaron os piñeiros e os eucaliptos e que lle deixaron toda a rama (ou ramada, ramallada) no monte.
O caso é que ha de ir chegando o frío e de apetecer estar ao carón da lareira, facendo laradas de puchas, de arume, de agulla, de faísca, de frouma, de… como lle chamedes para asar as castañas. Gozade delas, aínda que borredes as mans!