Carmen Freire, ben coñecida e amiga e de Irimia, é unha muller amante da terra habitable, da terra traballada, e da terra que comparte os seus froitos. Da súa man e da man dalgúns compañeiros/as máis de labranza e traballos nace un esforzo colaborativo por cociñar co pequeno un xantar abondoso
Como xorde a idea dunha cociña colectiva?
Somos un grupo de persoas da Amaía e do Sar principalmente; tamén de Santiago, da Estrada e da Barbanza. Comercializabamos os nosos produtos desde había ben anos. Pero así como podiamos vender produtos frescos, hortalizas e froita sen problema, non era tal para os produtos transformados: sempre co atranco do rexistro sanitario, por máis que algúns de nós levabamos máis de 20 anos vendéndoos directamente, de casa a casa. Neses transformados viamos un posible ingreso importante para nós: hai demanda de familias, comedores escolares, restaurantes, tendas. Dotarse cada un de nós dunha instalación legalizada para facer zumes, marmeladas, conservas, queixo etc. sería inabordable. Así foi como comezamos a barallar a idea dunha instalación colectiva, na que varias persoas puidesen facer as súas elaboracións.
Nós asumimos o reto de lograr un espazo colaborativo
Como se foi elaborando a receita?
Tentámolo en varios sitios, en Toxosoutos, en Ames, nas nosas casas, pero non foi posible. Polo 2017-2018, un compañeiro, técnico de emprego en Ames, Juan Carlos, falounos de que o alcalde de Brión, daquela José Luís García, estaba disposto a apostar polo sector primario. Fomos decontado e díxonos que adiante. E puxo ao noso dispor a técnica de emprego do concello, Dora. Matinamos como transformar un espazo do centro comercial Monte Balado, que fora un pub, e que era o que o alcalde nos podía ofrecer, e convertelo nunha cociña. Todo un reto: trámites legais, administrativos, obras e equipos. Aínda así, ao meu ver, iso non era o desafío máis importante.
E cal era logo?
Pois sermos quen de responder á necesidade das persoas da comarca que comercializabamos as conservas. Un lugar para procesar os excedentes das nosas pequenas hortas. Alcalde e técnicos fixeron un gran traballo de procura de recursos na Deputación, no GDR Terras de Compostela e nos propios concellos e nós asumimos o reto de lograr un espazo colaborativo. De non acadar o obxectivo a alternativa era dotar o local e logo concederllo a unha empresa externa especializada. Pero esa non era a nosa idea. Nós pensabamos que era posible xestionalo desde o común.
Mentres os trámites legais e orzamentarios facían o seu camiño, un grupo de persoas que nos chamamos grupo “Chimpín” puxémonos a difundir e compartir a idea na comarca da Amaía e arredores. Andamos parroquia a parroquia o concello de Brión e tratamos con persoas das administracións máis próximas: concellos de Porto do Son, Serra de Outes, Ames, Rois, Padrón, Dodro… alí onde houbese alguén con inquedanzas coma as nosas. O caso é que de alí a catro meses o grupo Chimpín pasou de 12 persoas a uns 20, debullando o que necesitabamos: se era para facer conservas de hortaliza ou de froitas, se para zumes, se para unha máquina de lavar verduras, se para transformar carnes ou se teriamos outro espazo para facer elaborados con fariñas e masas -como ao final así foi- se poderiamos facer xeados con froitas ou tiñamos outras necesidades máis urxentes. Elaboramos a lista de desexos e necesidades, axustándonos ao que daquela era o orzamento que tanto o Concello de Brión como a Deputación, como o GDR de Compostela destinaban ao proxecto. Contamos ademais cun equipo multidisciplinar contratado polo concello para o proxecto técnico, xestionar o rexistro sanitario e tramitar a Análise de Puntos Críticos da instalación. Tivemos que esculcar as necesidades formativas das moitas persoas incorporadas: era moita novidade facer conserva nunha instalación cuns requisitos sanitarios, con máquinas distintas ás nosas cociñas, cun autoclave, pasteurizador para zumes… Esixen saber de conservación en frío, de manexos e percorridos do produto, dos protocolos de limpeza… A finais do 2019 comezamos. Inauguramos a cociña coa festa e fachenda de quen ve cumpridos os seus soños. E sen pausa continuamos. Cumpría deseñar unha comercialización comunitaria e uns mínimos hábitos de xestión do común cunha pouca ferramenta informática: anotar o que se fixo, cando se leva unha conserva, cando se entra e cando se sae, o que se consome, o que se paga polo consumo que se faga… Unha xestión colectiva responsable sen ter unha empresa detrás. Resolvendo no día a día os labores de produción, comercialización, etiquetaxe e vena. Un proceso lento, porque todas as revolucións caladas son lentas, pero seguimos crendo que este é o camiño.
Precisamos dos saberes de moita xente. Así foi como chegamos ata aquí
E como se presenta o futuro?
Saímos dun ano estraño, sen podernos xuntar, con poucas actividades, sen podermos botar a andar os mercados que agora poñemos en marcha de maneira regular a partir do primeiro venres de xullo en mercados habituais e tamén alí no espazo do Monte Balado. Imos facendo aos poucos. Temos constituído un grupo de WhatsApp para quen queira apuntarse. Somos ao redor de 120 persoas. Algunhas demos un pasiño máis e constituímos unha asociación. Somos ao redor de 60 persoas socias pagando unha cota simbólica pero que nos vai permitindo afrontar unha serie de pequenos gastos. Cómpre dicir que ata o de agora é o Concello de Brión quen está asumindo o gasto de funcionamento. Pola nosa banda imos facendo pequenos investimentos coma foi o caso dun batedor industrial. Calquera persoa produtora pode asociarse. As persoas produtoras pagamos a cota da asociación e ademais, a maiores, unha pequena cantidade por hora de elaboración. Tamén hai lugar para consumidores ou para colaboradores que queren apoiar economicamente esta iniciativa ou facendo outros traballos como montar unha feira, facer difusión ou participar nas xornadas que facemos. Precisamos dos saberes de moita xente. Así foi como chegamos ata o día de hoxe.