Lucía Medina

Os bancos de tempo relacionan persoas que intercambian servizos sen intermediación da moeda de curso legal, co que resolven necesidades da súa vida diaria sen que custe diñeiro. No banco de tempo de Lugo, as unidades de intercambio e de valor son as horas e unha moeda virtual chamada xiríns (1 h = 10 xiríns), independentemente do servizo que se ofreza ou que se reciba. Todas as habilidades teñen o mesmo valor.

Ola, Lucía. Para presentar a vosa iniciativa, collemos o texto que usades nos vosos correos electrónicos e que resume de forma moi clara a vosa forma de traballar. Canto tempo levades funcionando?
O grupo creouse a finais de 2008, así que xa levamos máis de 12 anos ininterrompidos.

Inicialmente creouse como un banco de tempo, é dicir un grupo de persoas que intercambian servizos. Pero, aínda que conservamos ese nome, aos poucos anos sumámoslle unha rede de troco. Somos as dúas cousas, de xeito que intercambiamos tanto servizos como produtos e cousas de segunda man.

Lucía Medina, nun obradoiro sobre cociñas solares na Praza Maior, en Lugo, en 2017, acompañada por Xosé outro membro do Banco de tempo de Lugo.
Lucía Medina, nun obradoiro sobre cociñas solares na Praza Maior, en Lugo, en 2017, acompañada por Xosé outro membro do Banco de tempo de Lugo.

Supoño que en todo este tempo axudariades a compartir moi distintas destrezas e habilidades entre as persoas que acoden a vós. Explícanos de vagar como funcionades. Que ten que facer una persoa que pense que ten algo que ofrecer no banco de tempo? Cantas persoas acudiron a vós dende o comezo? Cantos xiríns levades xerado no que vai de ano?
Non temos ningunha condición para acoller novos membros. Só hai que querer, aceptar as normas de funcionamento interno que temos e ser activo no grupo.

En todo o ano 2020 intercambiamos máis de 19000 xiríns

Se a persoa decide entrar, facémoslle un acollemento, no que lle explicamos como funcionamos e resolvémoslle dúbidas. Dúas persoas do grupo ocúpanse disto. Incorporamos a persoa no grupo de correo no que facemos os nosos ofrecementos e peticións. E o novo membro empeza a funcionar no grupo de inmediato.

Non temos recollido o número de persoas que pasaron polo grupo nestes anos, pero posiblemente pasen das 500. Todos os meses temos algunha alta e tamén algunha baixa. Neste momento somos 65 persoas.

En canto á moeda que mobilizamos, no que vai de ano levamos intercambiados máis de 8000 xiríns, o que equivale, dentro do grupo, a 800 horas de traballo (aínda que é o total, tanto de servizos como de produtos). En todo o ano 2020 intercambiamos máis de 19000 xiríns.María Gómez, Flor Pérez e Lucía Medina, integrantes do Banco de tempo. Fonte: El Progreso.

Cales son as actividades máis demandadas e cales son as máis ofrecidas? Atopácheste con algunha actividade concreta que pensaras que non tiña encaixe ningún e si houbo quen a pediu? Cales son os apoios dos que gardas máis grato recordo?
Temos uns intercambios moi variados. Se cadra, a axuda nas hortas, as podas e as rozas son das máis demandadas e tamén algúns apoios similares noutros traballos. En canto a produtos, aínda que se intercambian todo tipo de cousas, as máis demandadas son as de alimentación: produtos da horta, ovos, conservas caseiras etc.

A miña experiencia nestes anos dime que calquera oferta pode ter encaixe. Aínda sendo moi específica, sempre pode haber algunha persoa que a precise, como un obradoiro sobre problemas do sono, un curso de escritura, ensinar a calcetar a persoas zurdas, a linguaxe de signos. Todo isto e moito máis ofrécese e demándase no noso grupo.

O Banco de tempo de Lugo ten unha filosofía de apoio mutuo, máis alá de intercambios puntuais

Persoalmente, encántanme as actividades de grupo. Ás veces organizamos mercadiños de intercambio, visualización de documentais con debate sobre algún tema relacionado coa realidade do grupo, obradoiros diversos etc. No último ano non tivemos este tipo de actividades, pero esperamos recuperalas axiña porque todo o grupo as aprecia.

Eu formei nalgunha ocasión unha pequena brigada para axudarme con traballos nun terreo que teño. Ademais da cantidade de traballo que fixemos, o feito de compartilo con outras persoas fixo que eu mesma rendese máis e traballase con máis alegría, de xeito que creo que en vez de sumar, multiplicou. En Galiza sempre se utilizou o traballo comunitario e o apoio mutuo nos traballos da terra, no rural, así que non estamos a falar de nada novo. Só se trata de seguir a valoralo e aproveitar os saberes comunitarios.

Logo Banco de Tempo Lugo

Tedes contacto con outras experiencias análogas en Galicia ou noutros lugares máis afastados? Os vosos xiríns pódense intercambiar cos doutros bancos de tempo?
Cando empezamos, no 2008, foi un momento de efervescencia dos bancos de tempo. Había varios no territorio galego e coñeciámonos. Pero foron desaparecendo; neste momento supoño que segue a funcionar o Proxecto Integral de Compostela (PIC), que utiliza a moeda “landras”, pero non sei se hai algún outro activo.

Que ten que facer unha persoa que queira participar activamente na vosa organización? Como se pode poñer en contacto con vós?
Incorporarse ao grupo é sinxelo. Só hai que escribir ao noso correo: bancotempolugo@yahoo.es