Seguramente quen teña viaxado en metro por Madrid atoparía algunha vez a boca de metro “Manuel Becerra”. Igual hai quen recorde que a actual rúa do Progreso nalgún momento se chamaba “Manuel Becerra”; e ata pode haber alguén que saiba que ese nome se lle dá hoxe no rueiro de Lugo a un curto carril peonil que comunica a avenida da Coruña coa rúa Serra de Ancares. Pero quen foi este tal Manuel Becerra?

De Lugo a Madrid

Manuel Becerra foi un galego, un lugués, nado o 20 de outubro do 1820 en Ponte de Outeiro, Castro de Rei, de onde era natural a súa nai, María Bermúdez. O seu pai chamábase Xoaquín Sánchez Becerra, era feirante: cando volvían das feiras das San Lucas en Mondoñedo, a María chegoulle o mal de parir e fíxoo na súa casa patrucial.

Manuel Becerra foi unha persoa cunha firme aposta política democrática de progreso e de liberdade

Pero logo a crianza de Manuel Becerra tivo lugar en Lugo cidade, ata que, cando xa pasara os 20 anos, establécese en Madrid coa súa tía Manuela, por ansia de formación ou por desexo de mesturarse na actividade política, cousas ambas para as que sempre tivo especial capacidade e afección.

Titúlase na Escola de Enxeñeiros, onde destaca en matemáticas e astronomía. No 1886 ingresou na Real Academia de Ciencias Exactas, Física e Naturais.

Demostra unha grande afección polas prácticas deportivas, destacando como lanzador de sable. Co tempo, sería un gran defensor da educación física como materia obrigada no Bacharelato; conseguiuno no 1881. Tamén conseguiu que se crease a “Escuela Central de Gimnástica” no 1882. Recibiu por isto o título honorífico de “Padre de la Ginmástica Española”.

Home de conspiración e goberno

Pero a súa calidade máis senlleira tivo que ver sempre coa acción política. No tan convulso século XIX español, no que España se debatía na busca dunha identidade propia como país, Manuel Becerra estivo sempre presente en todas as conspiracións por cambiar gobernos e en case todos as formacións de gobernos alternativos. Era un conspirador nato, cunha ideoloxía progresista e masónica, cando ser conspirador era unha práctica habitual de quen quixese facer algo bo pola mellora do país.

Os obxectivos da conspiración implicaban pensamento político, accións revolucionarias nas rúas, manexo de xente armada, asaltos a cuarteis; no medio de todo iso, o noso protagonista foi sumamente popular. Na “Vicalvarada”, na “Gloriosa”, no “Sexenio revolucionario”, no reinado de Amadeu I, na I República etc., en todo andou metido. Pero tamén por iso mesmo, como non sempre se conseguían os obxectivos, Manuel Becerra foi perseguido e houbo de fuxir ao estranxeiro en repetidas ocasións.

Foi habilidoso no manexo destas situacións e chegou a formar parte de varios dos moitos e diferentes gobernos españois da segunda metade do XIX: 1º tenente de alcalde de Madrid, ministro de Ultramar en cinco ocasións, ministro de Fomento na República.

Manuel Becerra

Ideario político progresista

Xa en 1852 o Partido Demócrata ao que pertence leva no programa electoral o sufraxio universal (de varóns), a liberdade de imprenta, a liberdade de traballo e a gratuidade, universalidade e obriga do ensino primario para todos. Engadindo a liberdade de culto e o dereito de reunión, propuxo o mesmo cando, sendo ministro de Ultramar no 1969, traballaban por unha nova Constitución. Non era un autonomista para España, pero entendeu que para as colonias de Ultramar o autonomismo era necesario e deu pasos nese sentido, pasos que non callaron porque era pecado aplicar nas Colonias o que en España non se vía nin consentía.

Morte de Manuel Becerra

Manuel Becerra morre con 76 anos o 19 de decembro do 1896, pouco despois de ser elixido presidente do Centro Galego de Madrid. A ama de chaves non permitiu que o crego Font o acompañase na súa morte, como quería o marqués de Comillas. Era daquela, dentro da masonería, o gran comendador do Gran Oriente de España. O seu enterro foi moi concorrido.

Manuel Becerra mantivo relacións máis ben de tipo político con Galicia. Metido en tantos procesos electorais, acabou caendo por interese no caciquismo típico da época, aínda que en principio era oposto a esas dinámicas. Mediou nalgunhas accións de mellora para a cidade de Lugo, polo que a cidade lle concedeu o título de fillo preclaro e predilecto de Lugo no 1888.

Con estilos discutibles, moi propios da época, podemos dicir que Manuel Becerra foi unha persoa cunha firme aposta política democrática de progreso e de liberdade. Un exquisito froito da Terra Chá co que o s. XIX español foi agasallado.

* Recibimos a información e a encomenda para preparar este escrito de Manuel Vila e Xosé A. Pombo, que editaron o libro: Dous fillos da Ponte de Outeiro: Crecente Vega e Manuel Becerra. Asociación Cultural “Xotramu”, Muimenta, Cospeito, 2012.