A lectura deste libro de Paula Merelo (Madrid, San Pablo, 2022) non nos deixará indiferentes. A partir dunha investigación realizada sobre máis de 300 enquisas, introdúcenos no marco de comprensión imprescindible para entender o entramado perverso dos abusos a persoas adultas. O número de mulleres adultas abusadas por clérigos ou relixiosos é o cuádruple ca o dos abusos a menores; porén, a súa situación é aínda máis invisible e estigmatizadora. A incorrecta comprensión do consentimento dificulta, en numerosas ocasións, a credibilidade do feito e a tipificación do delito como tal porque se non houbo forza física e a persoa é maior de idade, o feito non se entende como abuso, senón como consentimento, dado o modelo patriarcal e machista dominante na sociedade, e moito máis na Igrexa.
O libro confírmanos, unha vez máis, que non podemos considerar os abusos como feitos illados, senón como unha realidade sistémica reproducida unha e outra vez pola cultura do ocultamento, o clericalismo e a complicidade cos abusadores. Como describe este libro, case todos eles varóns de prestixio e recoñecemento na propia Igrexa e nas institucións das que forman parte. Na maioría dos casos, figuras públicas e “exitosas”, ás que chamamos para que nos dean conferencias ou acompañen exercicios espirituais. O libro resulta sumamente esclarecedor, pero hai, sobre todo, dous aspectos que resultan especialmente reveladores:
O primeiro é que o abuso sexual ten que ver coa conducta sexual, pero sobre todo co poder. O abuso da xenitalidade non é máis ca a punta do terrible iceberg que implica un abuso de poder, de confianza e, frecuentemente, de conciencia, danando o máis profundo e íntimo da persoa e producindo unha gran confusión de límites entre vítima e vitimario. Esta confusión agrava aínda máis o sentimiento de culpabilidade que todas as vítimas de abuso senten a pesar de non teren ningunha responsabilidade sobre isto. O abuso enmárcase dentro do proceso de acoso e sedución á vítima (grooming), no que o abusador vai inhabilitando as defensas das vítimas, facéndoas sentir especiais e manipulando a súa vontade desde a autoridade espiritual que as vítimas lle recoñecen, o que as desestabiliza totalmente e as incapacita para facer fronte ao abusador, ata que a violencia se fai insostible, illándoas nun círculo pechado do que é moi difícil saír, dado o prestixio e a credibilidade social e espiritual do abusador. Este proceso constitúe un auténtico incesto espiritual tremendamente destrutivo, xa que a agresión prodúcese no máis sagrado da persoa e no contexto dun acompañamento espiritual, ás veces incluso no marco da confesión sacramental, provocando na persoa unha profunda crise vital e de fe moitas veces irreversible.
O segundo aspecto ten que ver coas condicións estruturais da Igrexa que favorecen os abusos. A sacralización do poder clerical, a asimetría nas relacións interpersoais e o baixo nivel dos discernimentos vocacionais de clérigos e relixiosos son unha chave fundamental para propiciar os abusos, polo que é urxente poñer fin ao clericalismo na organización e na estrutura operativa e relacional da Igrexa. Urxe, polo tanto, no só unha reforma sinodal e democrática de amplo calado, senón unha teoloxía e unha espiritualidade dos abusos que axude a modificar crenzas, ritos doctrinais profundamente arraigados e que lexitiman o poder sacral dos sacerdotes e a súa supremacía sobre os laicos, e especialmente sobre as mulleres.