Carlos Quintá Cagide e Sonsoles Martínez Penadique son dous músicos referentes no acordeón diatónico en Galicia. Ademais de contar cun longo historial de participación en diferentes grupos (Oradalou, Linho do Cuco, Azul de Bueu…) son mestres das novas fornadas de acordeonistas nas rías baixas (ETRAD, Trépia, Traspés, etc.).

Este ano, coa dedicación do Día das Letras Galegas a Antonio Fraguas, participaron na reedición da publicación “Aportacións ó cancioneiro de Cotobade”, publicada en 1985 pola Fundación Otero Pedrayo. Carlos e Sonsoles compuxeron e interpretaron música para as coplas recollidas neste libriño.

Faládenos un pouco deste cancioneiro. Que é? Como se fixo? Cando?
O cancioneiro, que se chama “Aportacións ó cancioneiro de Cotobade”, foi unha recollida que fixo Antonio Fraguas cando era mozo, da época na que estaba estudando en Pontevedra. É un dos seus primeiros traballos etnográficos.

O cancioneiro contén principalmente coplas da súa aldea e arredores. El era de Loureiro, unha parroquia de alí de Cotobade. Son coplas típicas, é dicir, octosílabas e de catro versos, con rima A-B-A-B. Non son pezas completas, senón coplas independentes, que aparecen por orde alfabética. Ao final tamén ten algunha historia máis longa, tipo romance pero sobre todo coplas.

E como se lle dá a Antonio Fraguas por facer este cancioneiro?
A curiosidade etnográfica de Fraguas nace pola señora coa que se criou. El tivo unha ama na casa que foi a que o criou, ou polo menos el fala diso, a quen el chamaba tía Antonia1, que lle ensinou moitas coplas e ditos. A través dela entroulle a curiosidade.

Aínda que non indica o nome dos informantes nin os lugares, foi dela, e de moitos veciños da súa aldea, de quen recolleu as coplas que aparecen neste cancioneiro.

Xa coñeciades as coplas de antes?
Ben, algunhas son coñecidas. Hai moitas que fan referencia a lugares da súa zona: Loureiro, Aguasantas, o lugariño de tal… Tamén hai moitas coplas que nós non coñeciamos, pois son máis de mil coplas as que conforman o cancioneiro.

Fraguas tivo unha ama na casa que o criou, a quen chamaba tía Antonia, mestra de coplas e ditos

Hai moitas que fan referencias a aldeas, algunhas non se refiren aos nomes propios directamente, pero falan das actividades que caracterizaban determinados lugares. Por exemplo, en Aguasantas, que había moito canteiro, moitas son de canteiros; ou da Virxe de Aguasantas, que era famosa… Este tipo de significación de aldeas…

Como dicides, esta recollida é só de letras, non ten partituras. Porén, na reedición inclúese un disco con 13 temas musicais interpretadas por vós…
Nós ofrecémoslle ao concello, aproveitando as Letras Galegas dedicadas a Antonio Fraguas, facer música para esas coplas. Como Cotobade ten 13 parroquias, o que se nos ocorreu artisticamente foi facer unha peza por parroquia.

Pero se hai máis de mil coplas, como foi a selección?
O que fixemos foi escoller entre catro e seis coplas por canción (no modo da música popular). Todas elas sacadas do libro e todas axeitadas a unha temática que procure un certo fío condutor, se non narrativo, pois dalgunha maneira poético ou espiritual para poder fiar a peza.

Como fixemos unha peza por parroquia, as catro ou seis coplas que aparecen en cada peza ou fan mención a esa parroquia (na maior parte dos casos) ou recollen unha temática mais ou menos da parroquia (como de canteiros de Aguasantas). De Viascón non aparece ningunha copla, pero como é terra de gaiteiros (alí naceu Ricardo Portela), fixemos unha peza instrumental, para facerlle un chiscadela.

Como fixestes para poñerlle música a estas letras?
Algunhas son compostas por nós, o grupo Oradalou, que somos un dúo de acordeón diatónico e violín e mais tamén cantamos os dous. Outras son arranxos e/ou modificacións partindo da base de melodías tradicionais…

Hai algunha composición un pouco máis sui generis, máis conceptual, pero a maioría non. Nós adoitamos tocar música que vén da tradición popular e segue na mesma liña. Algunha melodía foi recollida alí en Caroi; outras son da zona de Pontevedra; outras, dalgún cancioneiro que adaptamos. Pero, vaia, sen ningunha pretensión folclórica ou etnográfica.

Como Cotobade ten trece parroquias, van trece pezas, unha por parroquia

É un traballo de dous músicos que a día de hoxe fan unha proposta que nos pareceu moi bonita. O noso traballo non é nada etnográfico ou folclórico, independentemente de que nós teñamos o modo da música popular por que é o que tocamos.

Dixéronnos que un dos dous foi veciño de Antonio. Coñecéstelo?
Eu (Sonsoles) son veciña da parroquia de Tenorio. Teño moito arraigo con ese lugar e coñézoo bastante. Porén, ningún dos dous tivemos relación con Antonio. Só de oídas e de falar coa xente de Loureiro, que é de onde era el. Ademais, el era un tipo que foi profesor, profesor de instituto, aínda que logo no franquismo pasouno mal… Alí todos falan moi ben del.

Algunha anécdota que queirades contar para a revista?
Pois… borráronsenos todos os arquivos despois de rematalos. Pero, vaia, xa foran enviados e o disco está feito: cando chegue a revista á casa, o disco xa estará publicado.

O libro-disco sae co nome de “Cantigueiro de Cotobade” da man da Editorial Galaxia. Pódese atopar en internet http://editorialgalaxia.gal/produto/cantigueiro-de-cotobade/

1 – “daqueles anos en que seu pai —aínda non casaran— andaba emigrado no Brasil, antes de formalizaren matrimonio […], vivindo como mai solteira, ora fose preciso dicir que contou coa axuda de mamá Antonia, unha muller que actuou como sorte de ama ou de segunda mai do pequeno durante todo aquel tempo”. Extracto do libro de Xosé A. Neira Cruz “A vida de… Antonio Fraguas” (unha biografía novelada de Fraguas), editado por Galaxia.