Polo noreste da Terra de Celanova

Desde Ourense, desta vez a nosa viaxe –duns 70 km ida e volta– achéganos primeiro á Merca, onde temos que ver a Eira dos Canastros (nome que por aquí reciben os hórreos, de paredes de madeira), un conxunto moi singular preto do campo da feira, para seguir logo camiño ata S. Pedro da Mezquita, onde atopamos unha igrexa románico-gótica (din que antes houbo unha mesquita -?-), cunha orixinal torre e sobre todo cunha fermosa portada de moi boa decoración escultórica e arquitectónica de comezos do s. XIII.

Eira dos Canastros da Merca
Eira dos Canastros da Merca

Seguimos a estrada N-540 ata Vilanova dos Infantes, onde está o santuario da famosa Virxe do Cristal (achada en 1650, agora roubada e á que se lle dedica en setembro a vella danza dos zapateiros). Vilanova, que foi concello ata 1927, é unha vila histórica e aínda con certo carácter etnográfico. A alta torre da antiga fortaleza medieval, fundada polos pais de S. Rosendo e que logo foi castelo dos Biedma e dos Condes de Monterrei –en parte reconstruído nas guerras do s. XVII con Portugal–, ofrece unhas espléndidas vistas.

Desde Vilanova e seguindo a estrada cara a Cartelle, de seguido atopamos unha das mellores pontes romanas da Gallaecia, a Ponte do Freixo sobre o río Arnoia.

De volta e antes de entrar en Celanova, debemos subir ao Castromao, sitio arqueolóxico que foi ocupado desde o s. VI a. C. ata o s. III d. C. polo menos. A plataforma que rodea o alto da croa está chea de construcións que deron moitos achados, hoxe no Museo de Ourense, como varias pezas escultóricas e unha placa de bronce do ano 132 cun pacto entre o prefecto romano da I Cohorte dos Celtíberos e o pobo castrexo dos Coelerni, que deron nome á comarca, pois no altomedievo pasaría a ser Coela Nova / Cella Nova.

Castromao
Castromao

Celanova, un mosteiro e moito máis

Celanova é un interesante conxunto histórico e núcleo literario, ademais de vila musical, pois os “xingreiros” tiñan incluso unha xerga propia, cunha afamada banda municipal e outra en Vilanova dos Infantes.

Cómpre facer a visita completa e guiada ao amplo mosteiro, fundado por S. Rosendo no 936 e logo beneditino. O que vemos hoxe é sobre todo a obra renacentista e barroca, rematada en 1653 (con reformas posteriores), destacando a súa monumental igrexa deseñada por Melchor de Velasco, con dous moi bos coros: o alto, de fins do s. XV, con curiosas “misericordias”, e o coro baixo do s. XVIII, de F. Castro Canseco, igual que o espléndido e recargado retablo maior. Tamén ten dous claustros, o das Procesións (dos séculos XVI-XVII) e o chamado do Poleiro (do XVIII), que hoxe ocupa un instituto, pois as diversas partes do mosteiro tiveron, logo da Desamortización de 1837, moi diversos usos: cuartel, colexio escolapio, cárcere na posguerra, casa rectoral, concello, xulgado…

Mosteiro de Celanova
Mosteiro de Celanova

Apegada ao mosteiro está esa “xoia” que é a pequena capela mozárabe de S. Miguel, dedicada no s. X por S. Rosendo ao seu irmán o conde Froila Gutiérrez, que cedera o terreo para o cenobio. Nun pequeno espazo hai tres naves con algúns trazos da arquitectura musulmá e no seu exterior destacan os canzorros ou modillóns lobulados, ademais duns penedos de posible significación simbólica máis antiga ca a capela, na que a raiola solar produce un curioso efecto cando os dous equinoccios de marzo e setembro.

Na mesma vila atoparemos sitios variados para xantar, con elaborados pratos ou a base de petiscos.

S. Miguel de Celanova
S. Miguel de Celanova
A visita a estas terras hai que completala co mundo literario, pois hai que facer unha visita á Fundación e Casa-Museo de Manuel Curros Enríquez, na Rúa de Arriba, moi preto da casa onde naceu outro excelso poeta, Celso Emilio Ferreiro. Ambos persoeiros teñen cadanseu monumento, pero da zona son tamén outros escritores como Castor Elices no s. XIX e Méndez Ferrín, Benito Reza ou Antonio Piñeiro no XX e XXI. Para rematar, quédanos dar un paseo pola Praza Maior, coa súa fonte do s. XVI (sen beber do cano norte, que din fai tolear), e tamén pola Praza do Millo ou do Mediodía (da literaria Taberna do Galo), ou pola Rúa de Abaixo, coas súas curiosas casas de primeiro andar voado.