A práctica totalidade dos titulares de prensa do 8 de febreiro coincidiron en destacar as consecuencias da sentenza do Supremo sobre ENCE. Así puidemos ler que o Supremo “alonga”, “permite”, “prorroga”… que a planta de celulosa continúe na ría de Pontevedra. E é verdade, a decisión do TS provoca a continuidade da factoría, pero desvíase a atención do principal “prorrogador”.

A falta de coñecer a sentenza integra á hora de redactar esta columna, si que sabemos que o TS “considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988…, sempre que consten informes ambientais favorables”. Non acepta o que dixera a Audiencia Nacional, que non falaba tanto da legalidade dos prazos da concesión como de que se unha celulosa teña que estar, inevitablemente, en terreos públicos.

Non deberiamos perder de vista a quen “alongou”, “permitiu”, “prorrogou”… a continuidade da celulosa na ría

A sentenza é discutible, hai un voto particular e mesmo pode que acabe revisándose nos tribunais europeos, pero se cadra non deberiamos centrarnos tanto nun debate leguleio, interesante e importante, sen dúbida, que nos faga perder de vista a quen de verdade “alongou”, “permitiu”, “prorrogou”… a continuidade da planta de celulosa na ría de Pontevedra. A concesión a ENCE finalizaba en 2018. En 2013 a empresa solicitou unha prórroga que o Goberno en funcións de Mariano Rajoy concedeu en xaneiro de 2016. É por esa decisión, e non pola sentenza, que ENCE pasou a ter permiso para quedar na ría durante outros 60 anos, ata 2073.

Aquel Consello de ministros decidiu renovar a concesión porque quixo, non estaba obrigado por nada, foi unha decisión voluntaria, unha decisión política. Mesmo non sempre os populares tiveron esa posición. Uns anos antes da prorroga, o propio Núñez Feijóo propuña no seu programa electoral de 2009 que se ía rexenerar a “fachada marítima da marxe esquerda da ría de Pontevedra, o que incluía ”o traslado de ENCE… dentro da comarca de Pontevedra”.

O asunto pode que non estea pechado, pois chegou á UE, que non mandou parar, como na canción de Carlos Puebla, pero que viu posibles fallos na decisión. Isto pode abrir unha nova vía de reclamación e, mesmo, que o caso ENCE acabe no Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Xa se verá cal é a decisión que se tome en Luxemburgo. Pero sexa cal sexa, daquela haberá que seguir recordando que se ENCE segue hoxe na ría de Pontevedra, é por unha decisión do PP, do goberno que presidía Mariano Rajoy.

É tan cativo o debate político en Galicia que parece que hai que destacar o obvio. Nos días anteriores á manifestación no Obradoiro contra os recortes na sanidade, o presidente Rueda e o conselleiro Comesaña descubrían con sorpresa que era unha manifestación política. Tanto como o de optar por unha fábrica contaminante. Iso si, son políticas diferentes.