Entre as miñas rutinas que vou tentando levar, está ir á piscina. Gústame nadar e síntome ben facéndoo. Vou a unha das piscinas municipais de Santiago e alí atópome con xente á que máis ou menos vou coñecendo de vista. Cadro en moitas ocasións nos vestiarios con rapaces duns vinte anos. Corpos traballados, tatuados e coidados, en moitos casos, de competicións frecuentes a un gran nivel. E polo que intúo polas súas conversas, son xente que prepara oposicións a bombeiros, policía… Ademais das oposicións, tamén falan de temas transcendentes como os tempos a bater nas competicións, as borracheiras da fin de semana, rapazas… En fin, conversas de homes-homes cheos de testosterona nun lugar cunha mestura a cheiro a calcetín suado e xel de marca masculina.

Ademais destes rapaces dos que vos falei e duns cantos que xa peiteamos canas e non temos corpos tan traballados, case sempre están dous ou tres rapaces que amosan certas dificultades. Percíbese que teñen deficiencias intelectuais e iso fainos ser máis lentos. Xeracionalmente parece que teñen a idade dos vinteañeiros, pero non se parecen en case nada. De todas maneiras, hai algo que sempre me sorprende e derruba en min prexuízos. Todos estes raparigos tatuados que aparentemente están preocupados polo seu corpo integran perfectamente e con moitísimo respecto estes rapaces con máis dificultades. Falan con eles preocupándose polas súas tarefas, tanto dentro como fóra da piscina. Orientan sobre como superar marcas. Fan brincadeiras sobre rapazas con eles e conseguen un ambiente normal e cómplice. Non falan de literatura, nin de filosofía, nin de política, nin de…, pero demostran unha bonita lírica moi humana. A min paréceme normal. Son boa xente.