“Moitos profetas e reis desexaron ver o que vós vedes e non o viron, oír o que vos oídes e non o oíron” (Lc 10, 24)
O evanxeo destas semanas repasa o seguimento de Xesús con parábolas que nos falan de xenerosidade, de non desprezar ningunha man que se achegue para traballar polo Reino, de buscar novas formas de anunciar e novos destinatarios na mensaxe,… Algo diso se viu este ano na celebración dos Rumores de Romaxe. Irimia demostrou ser valente ao asumir o novo reto e propoñer mudanzas que fixeran chegar o noso rumor a espazos novos. Veñen tempos recios, xa están aquí, e fai falla saír dos vellos camiños, agora cegados, e percorrer vieiros novos, sen medo maila o cansanzo.
Irimia demostrou ser valente ao asumir o novo reto e propoñer mudanzas que fixeran chegar o noso rumor a espazos novos
É tempo de buscar onde fumegan as brasas e alimentalas. “A forza do noso amor non pode ser inútil”, dicía Uxío Novoneira. “Eu tamén navegar” retrúcalle Xohana Torres. Pois é tempo de deixar de ser Penélopes á espreita e subir á gamela: aproar o futuro e mostrar o noso amor pola terra e a xente aportando nova esperanza. Volver á casa, á comunidade pequena, para non perder o que temos, para afondar no que somos, para coller pulo para o futuro, porque ceo e terra (e pandemia) pasarán, máis a Palabra non pasará.