Señores e señoras de brazo en alto e impasible ademán

(e señores e señoras que non o levantades, pero comprendedes o “malestar” dos que o levantan):

Queremos aproveitar esta ventá de bos sentimentos que é o Nadal e de bos propósitos que é o aninovo para facervos, desde esta humilde revista, un rogo: “Non nos salvedes, por favor”. Non nos salvedes máis. É moito esforzo pola vosa parte e moito sufrir pola parte dos demais. Non vos molestedes. Relax. Baixade o brazo, respirade fondo. Anotádevos a ioga.

Non nos salvedes, por favor. Non vos molestedes. Baixade o brazo, respirade fondo. Anotádevos a ioga.

Veredes, aínda estamos ocupados desenterrando e identificando cadáveres nas cunetas. Foi moita “salvación” toda xunta aquela de hai noventa anos. Si, queda lonxe, e a esa xente nova que berra e tira cousas nas rúas para reverter esta “ditadura democrática” de 2023 débenlle faltar datos. Porque agora xa temos cifras e nomes dos paseados naquela patria salvada. Agora sabemos que oito de cada dez vítimas da “salvación” franquista en Galicia foron paseadas. Que só entre 1936 e 1939, hai rexistradas 4447 mortes extraxudiciais e 1087 penas de morte executadas. Só en Galicia.

A historia pódese maquiar, reler, edulcorar e xustificar botando man, por exemplo, de actos de barbarie do bando oposto, pero cada morte extraxudicial –ou, como a de Alexandre Bóveda, “xudicial” por un tribunal militarizado do “novo estado salvador”– clama á terra e ao ceo. Si, “fóiselles a man”, tedes que recoñecelo. As salvacións sábense como comezan, pero non como rematan. Ou si.

Sabemos que hai forzas que se din democráticas que vos dan impulso e gasolina. Falan de que hai un goberno ilexítimo, ilegal. Unha coñecida lideresa da dereita democrática sostén que isto é unha ditadura; o “líder moderado” que deu o soñado salto da política rexional galega á española chámalle “fraude electoral” –igualiño ca Donald– e o líder da dereita á dereita da dereita está con vós a pé de rúa e di que xa estamos en pleno “golpe de Estado”, que hai que parar.

E claro. Acéndesevos o sangue. Sangre roja y española, para defender a democracia e a Constitución de tanto fraude, tanta ditadura, tanto golpe de Estado. E defendela a tope. Enarborando bandeiras e cantando himnos franquistas, falanxistas, hitlerianos e dos terzos de Flandres. E rezando o rosario, para completar a postal, implorando, coma daquela, o nome de Cristo, sen que importe demasiado quen foi e cales foron as causas de Xesús, o galileo.

Así que, o dito. Reiteramos. Deixádevos estar. Parade quietiños. Danos moita, moita preguiza que nos volvades a salvar.

Saúdos democráticos e feliz e acougado 2024