Aprezados irimegos e irimegas,
Aquí estamos a escribir nesta situación de crise, neste estado de alarma que nos mantén confinados, recluídos nos nosos límites, pechados na nosa casiña (confiamos en que estades PECHADOS!!!) a gardar esta corentena, que ao primeiro foron 15 días, agora xa serán 15 máis e “o que te rondarei, morena”…, botando man desa frase feita que quizás teña a súa orixe nalgunha copla dalgún punto da península ibérica…
Afeitos como estades a escoitar as palabriñas e a pensar no seu significado, dariádesvos conta de que “corentena” leva a pensar en 40, serían, polo tanto, 40 días, cando nos están a pedir 15 máis 15. Onde está a orixe deste termo, entón? Pois vén da peste negra, do século XIV, cando tanta xente morreu, que daquela si se ordenou o illamento de 40 días, e fixáronse así 40 en recordo do número de días que pasou Xesús no deserto. A partir de aí, o “espazo de tempo no que se manteñen illadas as persoas e mercadorías procedentes dun país onde hai epidemia” pasou a denominarse “corentena”. Así, haberá que “poñerse en corentena”, “estar en corentena”, “pasar a corentena”.
Pois ben, quen ou que nos levou a esta corentena? Oiredes falar de COVID- 19 e de coronavirus. Por que ás veces lle chaman dunha maneira e ás veces doutra? Pois mirade, o coronavirus é o virus que causa a enfermidade COVID-19, polo tanto, o culpable vén a ser o coronavirus.
Con isto de quedar na casa, oímos e lemos esas frases de “Eu quédome na casa”, “Quédate na casa”, traducións automáticas do castelán “Yo me quedo en casa”, “Quédate en casa”. Ollo!!! Non é unha tradución correcta! Na nosa lingua debedes dicir “Eu quedo na casa”, “Queda na casa!”, sen o pronome reflexivo “me” e “te”, porque estes pronomes en galego só poden ter a función de complemento directo (CD); “quedar” é un verbo intransitivo e, polo tanto, non pode construírse nunca cun CD. Pois ben, aclarado isto, quedade na casa!!!
En fin, malo será… Non hai mal que por ben non veña… Nunca choveu que non escampara nin mal que cen anos dure… Xa o dicía don Quixote: “Sábete, Sancho, […] porque no es posible que el mal ni el bien sean durables, y de aquí se sigue que, habiendo durado mucho el mal, el bien esté ya cerca…”.
Coidádevos moito!!!