Esta é unha columna parva, que vai falar do dedo que sinala a chaga e non da ferida. A ferida non é outra ca os 509 mortos en residencias nos primeiros 9 meses da pandemia. A percha, a razón que xustifica a actualidade do tema, é que xa sabemos que máis da metade delas se produciron nas residencias do grupo DomusVi e nas da Fundación San Rosendo. O dedo é que o coñecemos grazas á teimosía do xornal Praza, que leva 20 meses pelexando para que a Xunta faga públicos os datos.

dicían que saber que 161 persoas morreran nos seus centros podía levar “a pensar que non houbo unha dilixencia debida”

Esta columna debería volver falar da chaga, de por que morreu máis xente nas residencias ca fóra delas e se dalgún xeito se puido evitar. A versión oficial remítenos a un estudo da USC, que non pasa de dicir que “morreron máis vellos, pois tiñan máis patoloxías previas” (sic), pero o mesmo estudo recoñece que non pode saber se eran problemas de corazón, asma ou fígado, se afectaban máis a homes ca a mulleres etc., pois non tiveron acceso a datos individuais. A chaga é que temos que saber máis e mellor, pois pódenos volver pasar. Non vale a pobre desculpa da Xunta, de que se fixo mellor ca noutras partes de España, nin a simpleza de que “a culpa é das privadas”, da esquerda.

Pero quero falar do dedo, pois, no fondo, o dedo forma parte doutro andazo que padecemos. Durante todo este tempo a Xunta retivo estes datos, non llelos deu nin aos deputados do PSdeG ou do BNG nin aos poucos xornalistas que llelos pediron. Praza recorreu á Valedora do Pobo, que instou á Xunta a dalos a coñecer. Pero nestas, DomusVi recorreu ao Tribunal Superior, temendo que a publicación lle puidese afectar ao seu negocio; dicían que saber que 161 persoas morreran en centros xestionados por DomusVi podía levar “a pensar que non houbo unha dilixencia debida no coidado das persoas”.

En maio deste ano o Tribunal Superior fallou en contra de DomusVi: “Debe primar o dereito ao acceso á información pública… tamén no campo do sector das residencias privadas…, como medio de fornecer a cidadanía de elementos que poidan conformar unha opinión pública libre, algo ineludible para a boa saúde democrática de calquera país”. En agosto, no mes de menor intensidade informativa, a Xunta envíalle os datos a Praza, que os publica en formato aberto.

A transparencia é unha das cousas que menos lles gusta aos gobernos, pois leva case inevitablemente a poder pedir responsabilidades. Por iso é tan importante que os medios poidan acceder aos datos e que os publiquen. Claro que, como dicía con ironía o meu admirado David Reinero, un dos responsables desta investigación en Praza: “Datos? Iso é xornalismo antigo. Onde estean unhas declaracións virais…”